O Grupo de Neurociencia do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur xa iniciou o estudo con 10 pacientes con coronavirus moi graves e con patoloxía psiquiátrica, cuns resultados moi positivos
Neste momento están pendentes da autorización da Axencia Española do Medicamento para realizar un ensaio clínico máis amplo e definitivo
O litio ten a capacidade de inhibir a replicación de varios tipos de virus, de aumentar a resposta inmunolóxica, e prevenir e diminuír a actividade inflamatoria, que é a causante dos problemas nos pacientes máis graves
O Chuvi e o
Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur están a investigar a eficacia do tratamento con
litio en pacientes con Covid-19. Polo de
agora, levan estudando e testando a 10 pacientes moi graves infectados polo SARS-CoV2 e con patoloxía psiquiátrica, e os resultados son moi positivos e
esperanzadores.
Estas
conclusións preliminares motivaron a activación dun proxecto de ensaio clínico
máis amplo e definitivo que inclúa ao resto de pacientes infectados polo virus,
non solo aos que presentan algunha patoloxía psiquiátrica.
Así, desde o comezo da emerxencia sanitaria o Grupo de Neurociencia Traslacional
do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, CIBERSAM, estivo a
traballar nunha nova terapia para a COVID19. Segundo explica o xefe do Servizo
de Psiquiatría do Área Sanitaria de Vigo e director da área de Neurociencias do
IIS-Galicia Sur, José Manuel Olivares, “o
tratamento, baseado na administración de carbonato de litio de xeito rigorosamente controlado polo equipo médico,
comezou a levarse a cabo en pacientes moi graves con sintomatoloxía
psiquiátrica susceptible de ser tratada con litio, presentando unha melloría moi rápida, non só
da devandita sintomatoloxía, senón do cadro clínico provocado polo virus”.
Ensaio clínico
“Sen embargo, os resultados obtidos aínda non son xeneralizables, dado
que este estudo efectuouse cun reducido número de pacientes e cunhas
características moi concretas, polo que non podemos confirmar de modo taxativo
cal é a verdadeira eficacia do litio mentres non realicemos un ensaio clínico
controlado, xunto cuns determinados datos de laboratorio que nos indiquen a
capacidade real do litio no tratamento dos efectos que causa o virus no
organismo”-explica Olivares
Nestes momentos estase á espera da autorización da Axencia Española do
Medicamento para levar a cabo un ensaio
clínico con máis pacientes e así propoñer este tratamento como un dos
preferentes en casos de COVID19.
Propiedades do litio
O litio é un tratamento que se emprega desde hai 70 anos en distintos
síntomas e cadros mentais, como o trastorno bipolar, depresión resistente,
determinados cadros de irritabilidade e axitación, ecétera.
Desde hai tempo coñécese que ten a capacidade de inhibir a replicación
de varios tipos de virus, algúns deles similares ao do SARS-CoV-2. Isto
demostrouse en varios estudos realizados con virus como o VIH, o herpes ou máis
recentemente co SARS-CoV1 (o antecesor do actual coronavirus).
Outras das súas propiedades é a súa capacidade para aumentar a resposta
inmunolóxica, incrementando os niveis de linfocitos; así como a de previr e diminuír a actividade inflamatoria,
que é a causante principal dos problemas nos pacientes máis graves, levándoos
mesmo á morte.
Fases do estudo
Carlos Spuch, Investigador Senior del IISGS explica a metodoloxía deste
estudo, “o primeiro paso para testar a hipótese da eficacia do litio como
tratamento en pacientes Covid-19 foi comprobar que na Área Sanitaria de Vigo
non houbese ningún paciente infectado polo virus que estivese seguindo un
tratamento habitual de carbonato de litio para aliviar os seus síntomas
psiquiátricos. Sen embargo, isto non se pode tomar de ningunha maneira como
unha evidencia de que o litio impide contaxiarse do virus. Temos que ampliar a poboación de estudo”.
O seguinte paso foi estudar o efecto do litio nun número pequeno de
pacientes COVID19 positivos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro e que
seguían o tratamento habitual con antirretrovirais (hidroxicloroquina e
kaletra). Nalgúns destes enfermos aparecen
diversas afeccións psiquiátricas, como irritabilidade, alteracións do
estado de ánimo, agresividade ou estados maníacos que requiren tamén da
intervención dos especialistas de Psiquiatría. Nestes casos, o litio era a
prescrición psiquiátrica adecuada, polo que engadíase ao tratamento
antirretroviral. Estes pacientes foron os escollidos para o tratamento e seguimento
desta investigación.
“Observamos como tras a primeira administración de litio, reducíronse
significativamente os parámetros inflamatorios, e potenciouse a actividade do
sistema inmune aumentando o nivel de linfocitos, como predicía a hipótese xerada
a través dos datos dispoñibles da literatura científica. O resultado final é
que estes pacientes, que estaban moi graves, conseguiron recuperarse da
COVID19” -asegura José Manuel Olivares.
“Os resultados obtidos nestes pacientes foron enviados para a súa
publicación a unha revista internacional a finais de abril, e están en fase de
revisión; confiamos se publiquen en breve”.
Tras estes resultados deseñouse un proxecto en colaboración co Servizo
de Medicina Interna, e en asociación co Grupo Catalán do Instituto de
Investigacións Biomédicas August Pi i Sunyer, para o que se solicitou
financiamento ao Instituto de Saúde Carlos III e ao Fondo Supera Covid-19, e
que está pendente de aprobación pola Axencia Española de Medicamentos e
Produtos sanitarios (AEMPS).