O Concello retoma o luns o prazo para solicitar praza nas escolas infantís municipais

Suspendido o período polo coronavirus, desde este luns 25 de maio e ata o 5 de xuño, a administración presidida por Abel Caballero volve recibir solicitudes para optar a unha das 620 prazas nas escolas infantís municipais para o próximo curso escolar

As candidaturas, por vía telemática ou presencial con cita previa

En sesión extraordinaria, a Xunta de Goberno Local decidiu este venres retomar os prazos para solicitar praza nalgunha das oito escolas infantís municipais (idades de cero a tres anos) para o próximo curso escolar.

O prazo abrírase o pasado 9 de marzo e quedou suspendido pola crise do Covid-19. Logo da aprobación deste venres, os interesados en optar a unha das 620 vacantes poden presentar a documentación desde este luns 25 de maio e ata o 5 de xuño, ambos incluídos, ben de forma telemática (en escolas.vigo.org), ben de forma presencial no rexistro do Concello solicitando por teléfono cita previa.

Para o vindeiro curso, o Concello de Vigo oferta 620 prazas en oito escolas infantís: 72 en Costeira-Saiáns, 80 en Bouzas, 78 en Tomás Alonso, 72 en Santa Marta-Casco Vello, 82 en Atalaia-Teis, 76 en Santa Cristina-Lavadores, 78 en Mestres Goldar-Castrelos e 82 vacantes en Navia. O orzamento municipal para o funcionamento das oito instalacións ascende a millón e medio de euros.

As escolas infantís do Concello ofrecen opcións horarias de mañá e tarde ou continuo, no caso de Costeira-Saiáns. O rango de prezos recollidos nas bases oscilan entre a gratuidade total e os 127 euros mensuais, en función da renda.