O obxectivo é efectuar un cribado a 20.000 persoas de Vigo para detectar os casos positivos de Covid-19 que non presentan síntomas, e controlar así a circulación do virus
A xente seleccionada ten que cumprir determinados requisitos: estar no rango de idade entre 20 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos “Lembra”
Estas persoas son invitadas a realizarse a proba PCR e a súa participación é voluntaria
Esta fin de semana xa están citadas 2000 persoas de referencia do centro de saúde de Sárdoma no Covid-Auto do Meixoeiro
A Área Sanitaria de Vigo continúa desenvolvendo
iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para
facer fronte a pandemia da Covid-19. Así, ven de por en marcha unha estratexia
para realizar un cribado, mediante a realización da proba PCR, a 20.000
persoas asintomáticas e detectar aquelas positivas
que non presentan síntomas clínicos.
Trátase dunha iniciativa para vixiar e frear a circulación do virus.
En vez de esperar a aparición de pacientes con
síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos
asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.
O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean
infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a
saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida
habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo
á expansión do virus.
Participación voluntaria
Así, vaise
invitar a participar neste cribado a aquela poboación de referencia dos centros
de saúde da cidade que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade
entre 20 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas; e
dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos“Lembra” que autoriza ás autoridades
sanitarias a enviar notificacións a
través de mensaxes SMS.
As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo
Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa
participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita
unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario no que se
lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.
Dependendo do volume de poboación que acepte
realizarse a proba, e tendo en conta criterios de proximidade e accesibilidade,
se decidirá o Punto de extracción da mostra. Poderán ser citados nos Covid-Auto
do Meixoeiro ou do Álvaro Cunqueiro, ou nalgún outro tipo de instalación como
pavillóns deportivos ou centros socioculturais.
Esa
fin de semana xa están invitadas a realizarse o test diagnóstico 2000 persoas de referencia do centro de saúde de Sárdoma, que xa a
partir de mañá, sábado, foron citados no Covid-Auto do hospital Meixoeiro. De seguido, vaise convocar á poboación seleccionada do centro de
saúde de Lavadores, outras 2000 persoas.
Desde a xerencia da Área Sanitaria espérase acadar a
máxima participación nesta iniciativa e
apélase a solidariedade da poboación de Vigo para que aqueles que sexan
invitados a participar, colaboren con esta medida, que pode resultar de gran
impacto na loita contra o virus.
Cribado a traballadores de sectores sociais
Ademais, de xeito simultáneo estase realizando un cribado
mediante PCR aos traballadores dos diferentes programas sociais dalgunhas ONGs
e concellos da Área Sanitaria de Vigo.
Trátase de persoas que presentaban maior vulnerabilidade, con maior risco de contaxiarse de Covid-19 pola súa dedicación a unha actividade profesional ou social vinculada a traballos que esixen dun alto nivel de interrelacións persoais: persoal dos Programas de Servizo de Axuda ao fogar, da Infancia e Familia, Coidadores de Barrio e Persoal de Servizos Sociais Comunitarios Básicos. Polo de agora, xa se realizaron a proba 800 traballadores dos concellos de Vigo, Porriño, Mos , Salvaterra, Crecente e Ponteareas. Nos próximos días se irá estendendo ao resto dos concellos da Área.