Marea de Vigo pide un «compromiso real» na loita contra a violencia machista

A concelleira Oriana Méndez.

A concelleira Oriana Méndez subliña que «o Concello ten que ser exemplar e debe amosar que detras da pancarta pendurada na fachada da casa consistorial hai tamén recursos dispostos para organizar unha auténtica loita municipal»

«A realidade na nosa cidade non é menos preocupante, e diante disto, os recursos que destina o Concello de Vigo na loita contra a violencia de xénero desde a administración local, sendo esta a administración máis próxima ás mulleres, segue sendo ridícula». Con estas verbas, a concelleira de Marea de Vigo, Oriana Méndez, demandou hoxe un «compromiso real» ao Goberno local na loita contra a violencia machista.

Méndez fixo fincapé nesta necesidade nun nun momento no que «o confinamento, e as medidas de restrición da mobilidade, favoreceron situacións de risco nas que se atopan miles de mulleres que viven co seu agresor».

Neste marco, Marea de Vigo denuncia acaseza de recursos adicados á loita contra as violencias machistas no concello de Vigo. «Este orzamento exíguo non é un produto deste ano, senón que é algo que vimos sinalando dende que a Marea de Vigo entrou no Concello», destacou Méndez.

Fronte a isto, a formación Vigo propón unha serie de medidas «necesarias e ligadas a un compromiso real, que non deben quedar en meras medidas estéticas ou en todo caso, insuficientes».

«Propoñemos aumentar as partidas orzamentarias destinadas á loita contra a violencia de xénero, a creación dun Observatorio Municipal Contra a Violencia de Xénero co obxectivo de analizar como se manifesta e como evoluciona a violencia de xénero en Vigo para, así, poder mellorar as intervencións sociais, tanto preventivas como asistenciais, e, igualmente, propoñemos crear un Plan Municipal Integral Contra a Violencia de Xénero, debidamente orzamentado, co obxectivo de organizar, planificar e sistematizar anualmente a loita contra as violencias machistas en Vigo» detallou Méndez.

Do mesmo xeito, a concelleiro lembroulle ao Goberno local o compromiso adquirido polo Pleno da cidade para facer efectivos os acordos da moción presentada pola Marea de Vigo e aprobada por unanimidade no Pleno do Concello de Vigo en novembro de 2017 pola adhesión do concello de Vigo á Rede de Cidades Libres de Trata e pola adopción de medidas abolicionistas.