O alcalde de Vigo comparece na Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia, celebrada no Parlamento autonómico

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, compareceu este venres na Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural, celebrada no Parlamento de Galicia, para falar da situación actual da cidade de Vigo neste momento de crise sanitaria. «Culpar aos de arriba, ao Goberno central, e pasar as responsabilidades aos de abaixo, aos concellos, sen recursos é un modelo chamado a fracasar. Isto non é un estado piramidal«, advertiu o rexedor.

Caballero reclamou «lealdade» e «coordinación institucional» para afrontar a reactivación económica e social após a pandemia, e instou a Xunta a transferir máis recursos ás entidades locais.

O alcalde de Vigo subliñou que, no contexto da pandemia, «foron os concellos os que asumiron unha parte moi importante» da acción, especialmente en materia de políticas sociais e de protección a persoas vulnerables, e volveu a denunciar que, a pesar de que o goberno galego recibiu fondos do Executivo central, non transferiu «nin un só euro» deses recursos aos concellos.

Caballero lembrou que, entre as responsabilidades asumidas polas entidades locais, están as axudas a comerciantes e hostaleiros. Finalmente, insistiu en denunciar o que considera «escurantismo» da Xunta na pandemia, repetindo que non tivo información dos contaxios «até hai dúas semanas».