O obxectivo deste proxecto é mellorar as capacidades de cada participante para facilitar a súa autonomía persoal, a través da integración social e laboral
Este proxecto forma parte das convocatorias de subvencións da Fundación ONCE e pola Xunta de Galicia a través do fondos do 0,7% do IRPF
A Asociación Galega de
Linfedema, Lipedema, Insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías
vasculares periféricas (AGL) está de volta coa continuación do proxecto “Servizo
de Fisioterapia especializado en Linfedema e Lipedema”. Iniciando en xaneiro
deste ano, este proxecto que subvenciona a Xunta de Galicia e a Fundación
ONCE a través dos fondos do 0,7% do IRPF
da declaración da renda, tivo que realizar un parón a causa do COVID-19, pero
agora volve reiniciar con todas as medidas necesarias de salubridade.
AGL desenvolve este
proxecto en distintos concellos de Galicia, co fin de mellorar as capacidades e
facilitar a autonomía persoal de cada participante a través da integración social
e laboral. Actualmente son 90 as persoas que acoden a este servizo
especializado no tratamento de linfedema e lipedema que se trata en 13 clínicas
especializadas situadas nos concellos de: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra,
Vigo, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Ferrol, Culleredo e Baio.
Dende AGL transmiten que
estes tres meses de parón nos tratamentos resultou ser prexudicial para moitas
das persoas usuarias do programa. Indican que, a pesar dos coidados que
realizaban elas mesmas na casa, sentiron un agravamento do seu linfedema, o que
constata a necesidade deste servizo para a mellora do día a día das persoas que
teñen esta doenza.
O Linfedema é a alteración do sistema linfático,
unha enfermidade grave, crónica e progresiva, de evolución lenta, que
proporcionalmente afecta máis ás mulleres. Na actualidade non existen fármacos
ou intervencións cirúrxicas eficaces. O tratamento fisioterapéutico
especializado está demostrado que é o máis efectivo para evitar que a
enfermidade empeore e se agrave.
Segundo a Sociedad Española de Angiología y Cirugía
Vascular (SEACV) e a Sociedad Española de Rehabilitación y Medicina Física
(SERMEF), máis de 900.000 persoas en España, 50.000 en Galicia, teñen linfedema
e estímase que anualmente serán 3.000 mulleres as que desenvolvan un linfedema asociado
a intervencións de cancro de mama.
Asociación AGL
A Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia venosa crónica e outras patoloxías vasculares periféricas é unha Organización non Gobernamental constituída no ano 2004, co obxectivo principal de contribuír ao coñecemento, estudio e investigación do Linfedema e do Lipedema, así como promocionar e levar a cabo toda clase de accións destinadas a mellorar a situación das persoas con Linfedema e Llipedema e outras patoloxías análogas, así como ás súas familias.