Estes itinerarios desenvolveranse nos concellos da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra de Miño e Ponteareas
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar o contrato para redactar un Plan de sendas nas comarcas do Baixo Miño e do Condado. Este servizo adxudicouse á empresa Aquatica Ingeniería Civil, S.L. por un importe de máis de 18.000 euros.
Trátase de identificar os treitos de sendas prioritarios a executar nas marxes das estradas autonómicas ao seu paso polos concellos da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra de Miño e Ponteareas.
No marco da
redacción deste contrato, que opta a posible financiamento europeo con fondos
Next Generation ou FEDER 21/27, consultarase aos municipios nos que se
acometerán as sendas, tal como se fixo nas fases anteriores noutras comarcas.
Para o impulso destes itinerarios peonís e ciclistas, tómanse en consideración criterios como a localización das estradas con respecto a núcleos de poboación ou servizos e equipamentos. Tamén se teñen en conta as características particulares das vías, a integración ambiental ou a mobilidade alternativa actual.
No caso de cada
bisbarra, realizarase un estudo inicial de identificación de posibles sendas,
relacionando os focos de atracción de peóns e ciclistas cos seus puntos de
xeración correspondentes. Identificaranse as sendas existentes, as planificadas
e os tramos onde sería axeitado implantalas.
A continuación,
avaliarase a oportunidade de executar cada treito de senda identificado, para
xerarquizar a proposta de actuación en base a criterios obxectivos que
determinen a eficiencia e eficacia das actuacións.
Tamén se estudará a
posibilidade de incluír sendas en concellos limítrofes, cando se consideren
necesarias ou dean continuidade a itinerarios das comarcas analizadas.
3ª fase do Plan de Sendas
A Xunta, con este
contrato e outros para as comarcas de Noia e Barbanza, de Deza, e de Lemos e
Sarria, está a impulsar a 3ª fase do Plan de Sendas de Galicia.
O Goberno galego
continúa así co desenvolvemento deste plan, que na primeira fase dotou de
sendas as bisbarras da Coruña, Bergantiños, Ferrol, O Salnés, Santiago, Terra
Cha e Vigo e na segunda, as de Lugo, O Morrazo, Ourense e Pontevedra.
Este Plan ten como obxectivo incrementar a
seguridade de peóns e ciclistas, que son os usuarios máis vulnerables das
estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo
modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do
vehículo particular.