Almuíña ofrece «diálogo» e avoga pola «unidade» na súa toma de posesión como presidente do Porto de Vigo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, asiste á toma de posesión no novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña.

Feijóo anímao a seguir apostando pola cidade, pola automoción, polo incremento do tráfico de materiais metalúrxicos e pola pesca

Jesús Vázquez Almuíña ofreceu hoxe «diálogo» e avogou pola «unidade» de todos os actores institucionais e económicos na súa toma de posesión como presidente do Porto de Vigo, na procura de afrontar do mellor modo os retos do Covid-19 e do Brexit.

O exconselleiro de Sanidade, que substitúe no cargo a Enrique López Veiga, estivo arroupado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que animouno a seguir apostando pola cidade, pola automoción, polo incremento do tráfico de materiais metalúrxicos e pola pesca.

Para acadar estes obxectivos, o presidente da Xunta afirmou que Vázquez Almuíña contará, ao igual que o presidente saínte, coa colaboración activa do Executivo autonómico.

Ao longo da súa intervención, Feijóo agradeceu tamén o traballo de Enrique López Veiga ao fronte desta institución portuaria, subliñando que, a pesar da pandemia, o tráfico acumulado de mercadorías en contedores está batendo récords.

“Baixo o teu mandato resolveuse o conflito da estiba e as infraestruturas portuarias experimentaron unha intensa renovación”, recordou, referíndose, a modo de exemplos, á mellora do Porto pesqueiro e á Lonxa do Berbés; ou ás melloras na terminal de Bouzas, principal plataforma de saída dos vehículos de PSA-Vigo.

Así mesmo, subliñou que o Porto de Vigo lidera desde 2015 a estratexia Crecemento azul, unha folla de ruta recoñecida no ámbito internacional. O responsable do Goberno galego concluíu recoñecendo o labor das institucións portuarias durante a pandemia e resaltou a súa importancia estratéxica no novo contexto da reactivación.