O galardón outórgase todos os anos e premia a traxectoria e o currículo dos científicos máis novos no campo do VIH
Guillermo Pousada pertence ao Grupo de Enfermidades Infecciosas do IISGS, no que exerce como coordinador de ensaios clínicos
O grupo ten en marcha 8 ensaios sobre VIH, outros 5 sobre a COVID-19, e 4 máis sobre outras patoloxías infecciosas
Un dos tres premios que todos os anos distinguen aos tres mellores
investigadores nacionais no campo do VIH recaeu nesta edición nun biólogo do
Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur ( IISGS). Trátase de
Guillermo Pousada, que traballa no Grupo
de Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación, ademais de
participar nas consultas de VIH do Hospital Álvaro Cunqueiro a cuxo fronte
están os doutores Antonio Ocampo e Celia Miralles.
Os tres premios deste ano déronse a coñecer o pasado mércores nun acto
organizado polos laboratorios Janssen, que patrocinan este evento anual desde hai
xa tres edicións.
Este galardón ten como obxectivo promover e recoñecer a labor
investigadora dos mozos e mozas, cuxa traxectoria fixo importantes
contribucións científico-técnicas no campo da infección polo VIH. O premio
entrégase no marco do “Simposio Si” que cada ano reúne a especialistas en
enfermidades infecciosas para abordar os últimos avances nesta patoloxía. “De
feito, pensei que non o gañaría e foi unha grata sorpresa descubrir que fun un
dos tres galardoados”, explicou Guillermo Pousada, que hai tres anos e medio
que se incorporou ao IIS Galicia Sur.
Pousada, nada máis coñecer que recibía o galardón na presente edición,
mostrou a súa satisfacción “porque supón un apoio moi importante para os que
nos dedicamos á ciencia e a investigar; é un recoñecemento que redundará en
beneficio de todo o equipo, sobre todo nestes tempos en que se necesita todo o
apoio á investigación”, explicou.
O certame busca distinguir os mellores traballos de investigación
traslacional relacionados co VIH, unha infección que aínda suma miles de novos
diagnósticos ao ano en España.
Os premios recoñecen a traxectoria profesional, o currículo e os
proxectos nos que traballan na actualidade os novos investigadores en VIH.
“Agora mesmo temos aquí 5 diferentes”, sinala, como os de investigación do
Virus do Papiloma Humano en pacientes con infección polo VIH, o estudo de
diferentes infeccións de transmisión sexual en pacientes diagnosticados de COVID-19
(VIH, sífilis, hepatite C e hepatite B) e outro proxecto de simplificación a
biterapia en pacientes con infección polo VIH.
O comité de avaliación dos premios valoraron a orientación traslacional
do traballo dos candidatos. Tamén tiveron en conta as publicacións que
dirixiron ou nas que participaron, e as súas intervencións en congresos, ademais
de avaliar estadías noutros centros de investigación ou patentes.
17 Ensaios
clínicos
Pousada exerce tamén como coordinador de ensaios clínicos de Enfermidades
Infecciosas, o grupo que dirixe no IISGS a internista María Teresa Pérez. Só
relacionados co VIH teñen en marcha nestes momentos 8 ensaios clínicos en fase
III e IV nos que estudan diferentes tratamentos. “É un traballo moi
emocionante, onde podo poñer en práctica todo o que aprendín ao longo da miña
carreira como estudante. Ademais, teño o pracer de estar nun grupo moi dinámico
e unido”, explica.
O grupo de investigación de Enfermidades Infecciosas desenvolve na
actualidade 5 ensaios clínicos máis sobre distintos aspectos da COVID-19, que
están en fase II e III. “Os ensaios de COVID-19 axúdannos a comprender mellor a
enfermidade e a atopar novos tratamentos eficaces, xa que se sabe pouco sobre
ela ata o momento, para o que é moi importante que a xente queira participar
nos ensaios”.
Dende o grupo de investigación
tamén coordinan outros 4 ensaios clínicos relacionados con outras patoloxías
infecciosas.
Doutor
en Biomedicina
Natural de Cangas do Morrazo, Guillermo Pousada licenciouse en Bioloxía
na Universidade de Vigo na especialidade Fundamental e Sanitaria. Realizou un
máster de Investigación en Metodoloxía e Aplicacións en Bioloxía Molecular e
doutorouse en Biomedicina na Universidade viguesa, onde recibiu o premio á
mellor tese doutoral polo seu traballo sobre as bases xenéticas e moleculares
da hipertensión arterial pulmonar. Ademais realizou un máster sobre ensaios
clínicos na Universidade de Sevilla.
Guillermo
Pousada tivo o seu primeiro contacto con traballos sobre o VIH cando realizaba
a súa tese doutoral, onde puido incluír na análise a 5 pacientes con
hipertensión arterial pulmonar asociada ao VIH, unha enfermidade rara cun mal
prognóstico, cuxa prevaleza estímase ao redor no 0,5%.