O Camiño a Camiño 2021 inicia os percorridos medioambientais o 9 de maio

Imaxe dunha das rutas da anterior edición.

O Concello presenta a programación de educación ambiental para o período comprendido entre os meses de maio e xuño 2021, que inclúe 7 paseos interpretativos polos sendeiros locais, a recuperación da actividade nas hortas urbanas e o voluntariado medioambiental

Xa está aberta a inscrición para a primeira actividade

Baixo o lema “Na primavera pasea polos montes de Vigo” bota a andar unha nova edición do programa medioambiental que quere dar a coñecer os recursos dispoñibles nos montes periurbanos da cidade, parques forestais e sendeiros locais para achegar á cidadanía ao patrimonio natural, aos miradoiros e espazos etnoarqueolóxicos.

En 2020 formaron parte do programa 12.931 participantes: 1.200 usuarios en percorridos medioambientais (que quedaron suspendidos maioritariamente pola pandemia), 298 inscritos nas hortas urbanas e 247 persoas voluntarias medioambientais.

Dia das Letras Galegas

Os percorridos medioambientais inclúen 7 paseos interpretativos polos sendeiros locais de Vigo, que abranguen os montes dende Candeán ata Saiáns, ao carón do cinto verde que bordea o termo municipal asociado ao sendeiro de gran percorrido GR-53 (Senda panorámica de Vigo). O goberno municipal quere que este formato de proximidade permita aos participantes achegarse directamente aos puntos de encontro de cada percorrido.

En cumprimento da normativa Covid-19 o número máximo de participantes é de 100 persoas, que realizarán a actividade en grupos de menor tamaño, adoptando as medidas de protección e seguridade determinadas pola autoridade sanitaria. Os percorridos teñen unha duración aproximada de 3 horas e, partindo dos parques forestais, permitirán circular polos sendeiros locais sinalizados. Con todo, establécense distintos niveis de dificultade para que poida participar todo tipo de público e, particularmente, familias cos seus fillos, como un xeito de iniciación ao sendeirismo e a interpretación da paisaxe. Ao final dos percorridos, haberá actuacións musicais e de baile tradicional a cargo da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo.

Paseos

  • A actividade principia o domingo 9 de maio no sendeiro local de Candeán, entre as 9:30 e as 13:30 horas do mediodía co punto de encontro no Parque Forestal do Vixiador e coa actuación de Froles Novas e Tarambainas.
  • O paseo 2: sendeiro local de Cabral será o domingo 16 de maio co punto de encontro na entrada do Ifevi e as actuacións de Fiadeiro e Sons das Ferriñas.
  • O paseo 3: sendeiro local de Bembrive-Beade, será o domingo 23 de maio, con punto de encontro na A.R. do Pouso, en Bembrive, e as actuacións de Queixumes e Beade Pandereteiras. O paseo 4: sendeiro local de Zamáns, será o domingo 30 de maio, co punto de encontro no Parque Forestal de Zamáns e as actuacións de Andarela e Pardavila.
  • O paseo 5: sendeiro local de Valadares, desenvólvese o domingo 5 de xuño, co punto de encontro no Sanatorio do Alba e as actuacións de Corisco e Cabral.
  • O paseo 6: sendeiro local de Coruxo, ten o punto de encontro en Fragoselo e as actuacións de A Buxaina e Asubío.
  • O paseo 7: sendeiro local de Oia e Saiáns, celébrase o domingo 20 de xuño co punto de encontro no Parque Forestal de Oia e as actuacións de Os Ventos de Comesaña, Monteira e Traspés

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa a través do teléfono de información municipal 010 ou no 986810260 se chama dende o móbil e poden atopar toda a información dispoñible en caminoacamino.blogspot.com. 

Hortas urbanas

O Concello atrasou o inicio da actividade nas hortas urbanas a mediados do mes de abril por mor das restricións derivadas da pandemia. As actividades realízanse en Navia, Pedro Alvarado, Fontáns, Ramón Nieto, Sardomela e Camelias. En total están dispoñibles 13.000 m2 de superficie para esta actividade.

Para poder participar habilitouse un proceso de entrada directa en cada horta. Para tal propósito está previsto que as sesión de entrada teñan lugar na primeira quincena de maio, sendo preciso inscribirse indicando a horta solicitada a través do formulario dispoñible no blog caminoacaminovigo.blogspot.com.

Voluntariado medioambiental

O Concello abre á participación veciñal os programas medioambientais coa previsión de que este outono se realicen labores de recuperación do Monte da Guía, acometendo entre outros labores a erradicación de acacia negra e eucalipto en zonas de interese público, a limpeza de espazos protexidos e tarefas de mantemento e limpeza dos sendeiros locais. Estas traballos realízanse os mércores e sábados pola mañá e os martes e xoves pola tarde. Amais, as persoas do voluntariado medioambiental poderán participar no paseo de cans do Refuxio de animais abandonados de Vigo, que se realiza os mércores pola mañá.