Existe preocupación ante a situación de vulnerabilidade na que poden quedar moitas das persoas con discapacidade e familias tralas medidas de illamento decretadas, o peche de centros ocupacionais, de día, sociais, educativos e a práctica desaparición das súas redes de apoio
A área de
Promoción da Autonomía Persoal da Confederación Galega de Persoas con
Discapacidade de Galicia (COGAMI) é a que se encarga de xestionar todas as
consultas que chegan á entidade, aportando unha resposta ás persoas con
discapacidade e familias, co fin de darlle unha solución á problemática que
teñen.
Durante o
COVID-19 remitíronse a COGAMI un total de 210 consultas, transmitindo nelas a
preocupación pola falta de información e confusión sobre esta pandemia e o
descoñecemento ante a maneira de proceder. Nas consultas, recibidas vía
telefónica e correo electrónico, apréciase o temor por como afectará o
confinamento á saúde mental da propia persoa e por como afrontar a situación.
A escaseza de
información sobre prazos e lugares de atención para a entrega de documentación
na Administración; a maneira de proceder para solicitar a revisión do
certificado de discapacidade en proceso de caducidade ou xa caducado e como contactar
co SEPE para solicitar a prestación de desemprego, foron outras das
preocupacións transmitidas a COGAMI, xunto coas consultas sobre a tramitación e
cobros dos ERTES e o pago de alugueres de locais comerciais e vivendas.
O equipo
formado por 11 traballadoras sociais da área de Promoción da Autonomía Persoal
realizou tamén un total de 1.032 seguimentos a persoas usuarias e familias para
coñecer a súa situación e se presentaban algunha necesidade. Destes
seguimentos, puideron apreciar que viven unha situación de sobresaturación
tanto as persoas con discapacidade como as súas familias, as persoas maiores
que viven soas ou as coidadoras principais de persoas con discapacidade e/ou en
situación de dependencia (por exemplo persoas con Alzheimer, con enfermidade
mental, etc).
O contacto mantido
coas persoas maiores amosa que moitas delas teñen ansiedade, a necesidade de falar con outra persoa e de
acompañamento durante este proceso. COGAMI actuou de intermediaria entre as
persoas que demandaban unha necesidade e as coordinacións dos servizos sociais
comunitarios, protección civil e outras entidades de atención, mediando en máis
de 100 actuacións conxuntas.
Outras das xestións
levadas a cabo por COGAMI foron 240 intervencións sociais, sendo estas de acompañamento
a persoas durante a crise e de apoio psicosocial, das que se beneficiaron un
total de 331 persoas. Como a atención personalizada non é posible tralo
COVID-19, os medios empregados foron o
correo electrónico, os vídeos explicativos, a chamada telefónica, e as
plataformas de Whatsapp e Skype, realizando 79 sesións individualizadas e 5
sesións grupais a través de videoconferencia.
Dende COGAMI
insístese na necesidade de poñer o foco no grao de vulnerabilidade que teñen as
persoas con discapacidade. O equipo de COGAMI que conforma a área de Promoción
da Autonomía Persoal aprecia un aumento na crise social, relacionada co ámbito
económico. Existe preocupación a que a diminución de ingresos e a incerteza sobre
o regreso ao posto de traballo, deriven nunha problemática de saúde mental.
Ante a
situación actual, para COGAMI, é necesario manter estes servizos: a protección
das persoas con discapacidade, maiores e/ou con dependencia a través de
coidados domiciliarios; volver retomar as valoracións de dependencia e
discapacidade e a xestión de prestacións; rachar coa fenda dixital para aquelas
persoas que non teñen nin competencias nin recursos para o uso das vías
telemáticas; acadar solucións para as persoas que viven soas ou para aquelas que
están illadas no medio rural; ofrecer trato preferente para axuda a domicilio
de persoas con discapacidade e a accesibilidade debe ser universal, debe chegar
a todas as persoas con discapacidade sen excepcións.