Hoxe estase realizando o traslado, de xeito que o día 29 os profesionais xa atenderán á poboación nas novas instalacións
O centro contará con dous profesionais sanitarios máis, un médico de familia e unha enfermeira, que se incorporarán tralo período estival
O novo edificio sanitario dispón dunha Área de Atención á muller -con consulta de matrona e Sala de Educación maternal – e do sistema modular para extraccións
O novo centro de saúde de Salceda de Caselas iniciará o seu funcionamento o próximo luns día 29 de xuño. Así, unha vez rematada a obra, e tras proceder ao seu equipamento e dotación, o Servizo Galego de Saúde xa está en condicións de por a disposición da poboación de Salceda esta nova infraestrutura sanitaria.
Este novo centro ven a substituír ao centro sanitario actual, polo que o traslado estase realizando desde o mediodía de hoxe, co fin de minimizar o impacto na actividade asistencial.
A administración sanitaria galega realizou un investimento de 1.679.168,28 no novo edificio sanitario, que triplica a superficie do actual centro de saúde. Dispón dunha superficie construída de 1.321 m2, o que supón un incremento de 863 metros cadrados (un 188% máis), respecto ao espazo do anterior centro de saúde, de 458 m2.
Áreas asistenciais diferenciadas
Trátase dun centro amplo e ben dimensionado para prestar unha atención de calidade á poboación.
A planta baixa do edificio conta con vestíbulo e zona de recepción, 5 consultas de medicina xeral, 5 de enfermería, 1 consulta polivalente, 1 sala de extraccións, 2 consultas de pediatría e 1 de enfermería pediátrica .
Na primeira planta – á que se pode acceder por ascensor- emprázase a Área de Atención á Muller, con consulta de matrona e unha Sala de Educación grupal; ademais da Biblioteca/Sala de xuntas e doutros espazos con servizos comúns.
Máis persoal e novas dotacións
A nova infraestrutura permitirá dotar ao centro de máis persoal sanitario. En concreto, unha vez pasado o período estival, vanse incorporar un novo médico de familia e unha enfermeira. O equipo asistencial quedará composto por 5 médicos de familia, 4 profesionais de enfermaría, 1 TCAE e 3 PSX (persoal de servizo xerais)
A nova infraestrutura posibilita tamén ampliar a carteira de servizos do centro e implementar novos procedementos que modernizan a asistencia sanitaria.
Asi, conta cunha Sala de Educación Grupal -ata agora a matrona realizaba estas actividades nun local do Concello- e implementouse un sistema modular para extraccións; isto é, un sistema informatizado que mellora a seguridade e trazabilidade da extracción de sangue. Na actualidade, o concello de Salceda de Caselas dispón de 7.822 tarxetas sanitarias adscritas, das que 1.302 son de pacientes en idade pediátrica.

