O novo centro de saúde de Salceda de Caselas inicia o luns a súa actividade

Hoxe estase realizando o traslado, de xeito que o día 29 os profesionais xa atenderán á poboación nas novas instalacións

O centro contará con dous profesionais sanitarios máis, un médico de familia e unha enfermeira, que se incorporarán tralo período estival

O novo edificio sanitario dispón dunha Área de Atención á muller -con consulta de matrona e Sala de Educación maternal – e do sistema modular para extraccións

O novo centro de saúde de Salceda de Caselas iniciará o seu funcionamento o próximo luns día 29 de xuño. Así, unha vez rematada a obra, e tras proceder ao seu equipamento e dotación, o Servizo Galego de Saúde xa está en condicións de por a disposición da poboación de Salceda esta nova infraestrutura sanitaria.

Este novo centro ven a substituír ao centro sanitario actual, polo que o traslado estase realizando desde o mediodía de hoxe, co fin de minimizar o impacto na actividade asistencial.

A administración sanitaria galega realizou un investimento de 1.679.168,28 no novo edificio sanitario, que triplica a superficie do actual centro de saúde. Dispón dunha superficie construída de 1.321 m2, o que supón un incremento de 863 metros cadrados (un 188% máis), respecto ao espazo do anterior centro de saúde, de 458 m2.

Áreas asistenciais diferenciadas

Trátase dun centro amplo e ben dimensionado para prestar unha atención de calidade á poboación.

A planta baixa do edificio conta con vestíbulo e zona de recepción,  5 consultas de medicina xeral, 5 de enfermería, 1 consulta polivalente, 1 sala de extraccións, 2 consultas de pediatría e 1 de enfermería pediátrica .

Na primeira planta – á que se pode acceder por ascensor- emprázase a Área de Atención á Muller, con consulta de matrona e unha Sala de Educación grupal;  ademais da Biblioteca/Sala de xuntas e doutros espazos con servizos comúns.

Máis persoal e novas dotacións

A nova infraestrutura permitirá dotar ao centro de máis persoal sanitario. En concreto,  unha vez pasado o período estival, vanse incorporar un novo médico de familia e unha enfermeira. O equipo asistencial quedará composto por 5 médicos de familia, 4 profesionais de enfermaría,  1 TCAE e 3 PSX (persoal de servizo xerais)

A nova infraestrutura posibilita tamén ampliar a carteira de servizos do centro e implementar novos procedementos que modernizan a asistencia sanitaria.

Asi, conta cunha Sala de Educación Grupal -ata agora a matrona realizaba estas actividades nun local do Concello- e implementouse un sistema modular para extraccións; isto é, un sistema informatizado que  mellora a seguridade e trazabilidade da extracción de sangue. Na actualidade, o concello de Salceda de Caselas dispón de 7.822 tarxetas sanitarias adscritas, das que 1.302 son de pacientes en idade pediátrica.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí