Con dous eventos que visibilizan as principais liñas de atención e de investigación que se están desenvolvendo neste ámbito
Vaise celebrar unha xornada dirixida especificamente a pacientes e os seus familiares, para que dispoñan de información directa por parte dos profesionais
Tamén a próxima semana terá lugar no Álvaro Cunqueiro o XXII Curso de Investigación en Psiquiatría para especialistas organizado pola Asociación Galega de Psiquiatría
O Servizo Galego de Saúde súmase ao Día Mundial da Saúde Mental que se
celebra mañá, coa organización de dous eventos dirixidos a visibilizar tanto
as accións estratéxicas de atención durante a pandemia
da Covid-19 como as liñas de investigación que se están desenvolvendo en
relación co coronavirus.
Un deses actos vai dirixido especificamente ás Asociacións de Saúde
Mental, pacientes e familiares. Trátase dunha xornada virtual para ofrecerlles
información directa por parte dos profesionais, e darlles a posibilidade de que
expoñan e resolvan as súas dúbidas. Será o próximo dia 14 e terá as súas sedes
nos servizos centrais do SERGAS, no Hospital Álvaro Cunqueiro e no Complexo
Hospitalario Universitario de Ourense.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurará este
encontro no que tamén participarán os xerentes da Areas sanitarias e Vigo,
Javier Puente, e o de Ourense, Félix Rubial.
“Trátase dunha iniciativa enmarcada na estratexia de humanización da
saúde mental, e ante o alto impacto e boa acollida que tiveron as anteriores
xuntanzas en Vigo e Ourense, decidimos volver a repetir este encontro, de gran
interese entre estes colectivos. É fundamental que, sobre todo nesta época, os
pacientes dispoñan dunha información directa por parte dos seus profesionais,
proporcionarlles un espazo de encontro para que se sintan coidados e
protexidos, e que lles aporte seguridade fronte os medos e incertezas que está
xerando esta pandemia”, explica o xefe do servizo de Saúde Mental do CHUVI, o doutor José Manuel Olivares, que
tamén dirixe o equipo de investigación de
Neurociencia Traslacional,
“Cibersam”.
Os
relatorios correrán a cargo da xefa do servizo de Saúde Mental do SERGAS, María
Tajes, que falará das accións do Plan estratéxico de saúde mental; o doutor
Olivares explicará as liñas de investigación relacionadas co Covid19; e o xefe
de servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Ourense, Luis Docasar,
ofrecerá unha conferencia sobre o xeito no que tivéronse que adaptar os
recursos asistenciais como consecuencia da pandemia.
Curso
para especialistas
O outro
evento que se vai celebrar o próximo dia 16 será o XXII Curso de
Investigación en Psiquiatría, organizado pola Asociación Galega de
Psiquiatría, cun formato híbrido online-presencial (ata completar aforo con
medidas de seguridade Covid no hospital Álvaro Cunqueiro). En total,
participarán máis de 100 expertos de todo o territorio nacional relacionados
coa saúde mental, entre psiquiatras, psicólogos, biólogos, neurólogos e
profesionais de enfermaría.
Este ano o tema será a Investigación en Psiquiatría en tempos de
Pandemia, e se abordarán cuestións
como as relacións entre infeccións, sistema inmune, sistema nervioso e síntomas
psiquiátricos; os datos de síntomas psiquiátricos que provoca o virus (tema do
que aínda que se fala pouco hai xa un bo número de publicacións); e
consecuentemente, das causas de que algúns fármacos empregados en psiquiatría
(e máis concretamente o litio) poidan ser útiles no tratamento da COVID19,
precisamente por todas esas relacións entre infeccións, inmunidade e patoloxía
psiquiátrica.
Para isto contarán coa participación dun destacado experto
internacional como Germán Berrios, catedrático de Epistemoloxía da Universidade
de Cambrigde (Reino Unido) que ofrecerá a conferencia maxistral baixo o título
“El concepto de Conciencia en Psiquatria”; ademais, intervirán tamén o propio
Olivares, a psiquiatra do Chuvi Marta López, e o investigador do Instituto de
Investigación Sanitaria Galicia Sur, Carlos Spuch.
7000
consultas máis
“Durante a
primeira onda da pandemia constatouse que a saúde mental foi unha das áreas de
maior sensibilidade, polo que na Área Sanitaria de Vigo puxemos en marcha
varios protocolos para reforzar e axilizar a atención tanto para pacientes e
familiares como para o persoal dos centros sanitarios”, explica Olivares
As actuacións descritas nestas guías tiñan por obxecto facilitar e
achegar dun xeito rápido e eficaz a atención
dos especialistas en saúde mental a estes grupos.
Estes protocolos -aínda operativos- establecen
canles directas de comunicación para os profesionais de Atención primaria e
hospitalaria a fin de que poidan realizar interconsultas ou consultas rápidas
mediante conexión telefónica ou correo electrónico. Habilitáronse teléfonos internos específicos
e un novo buzón de correo electrónico para esta finalidade. Para atender estas
vías de comunicación designáronse dous equipos de psiquiatras e psicólogos
clínicos de referencia, que se encargan de coordinar e canalizar as demandas de
atención e axilizar a toma de decisións.
“Así, este
ano entre consultas presenciais e telefónicas levamos realizadas 46.800
consultas, 7.000 máis que no ano anterior, e unha porcentaxe moi elevada están
relacionadas con problemas e cadros vinculados ao confinamento”.