O complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte convértese no primeiro espazo natural de interese local do Concello de Vigo

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan de conservación do novo ENIL, un instrumento de xestión que garante o equilibrio entre os usos e actividades permisibles na zona e a súa conservación durante os próximos seis anos

Constitúe un conxunto paisaxístico que recolle hábitats naturais de interese comunitario representativos das dunas marítimas atlánticas

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan de conservación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, en Vigo, un instrumento que establecerá o réxime de usos e as actividades permisibles nel, así como as limitacións que se consideren necesarias para garantir a súa conservación.

Con este trámite, o conxunto formado polos areais do Vao e Baluarte cumpre todos os requisitos para converterse no primeiro ENIL declarado definitivamente no Concello de Vigo e no sexto de toda Galicia. O plan de conservación, redactado pola propia Administración local para un período inicial de seis anos, fixa a normativa e as medidas de xestión necesarias para garantir a conservación dos valores naturais presentes neste espazo natural, pertencente na súa totalidade ao dominio público marítimo-terrestre.

Deste xeito, o Goberno municipal de Vigo comprométese a garantir a conservación das especies e hábitats presentes neste espazo e, para iso, disporá dunha serie de medidas que se detallan no propio plan e dun financiamento previsto de 815.652,52 euros. Estes fondos investiranse principalmente en tarefas de restauración e conservación dos hábitats dunares, eliminación de especies invasoras, xestión do uso público e mantemento do ENIL, potenciación da conectividade do espazo co contorno, e protección da paisaxe. A ampliación do coñecemento científico e as accións de divulgación, sensibilización e educación sobre o ámbito do novo ENIL tamén están previstas no plan.

Nos próximos días o Diario Oficial de Galicia publicará a orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se declara de xeito definitivo o espazo natural de interese local Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, xunto co decreto de aprobación do seu plan de conservación, que esta mañá recibiu o visto e prace do Consello da Xunta.

Principais valores e características

O ENIL Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte localízase na grande área paisaxística das Rías Baixas, na comarca de Vigo Litoral, de acordo coa clasificación fixada no Catálogo das paisaxes de Galicia. O seu ámbito abrangue unha lonxitude lineal ao carón da beira do mar de 780 metros e unha superficie de 11,40 hectáreas.

Así mesmo, está totalmente integrado no ámbito de aplicación do Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL), en concreto na unidade da paisaxe Canido, e dentro das áreas continuas de protección costeira e mellora ambiental e paisaxística.

Os areais do Vao e Baluarte son un referente nos procesos de recuperación ambiental dos sistemas dunares degradados. De feito, foi un gran sistema dunar sometido a unha forte presión na década dos 80, aínda que logrou recuperarse paulatinamente.

En canto á calidade ambiental do novo ENIL, o complexo constitúe un conxunto paisaxístico que recolle hábitats naturais de interese comunitario que son representativos das dunas marítimas atlánticas. Alberga unha representación diversa de especies, con comunidades vexetais como as dunas móbiles embrionarias, colonizadoras de primeira liña; as dunas móbiles costeiras colonizadas por Ammophila arenaria que conforman a segunda banda do sistema dunar; e as dunas costeiras fixas, con vexetación herbácea ou grises das costas atlánticas, con substratos fixos ou semifixos, colonizadas por herbáceas e pequenos arbustos resistentes á influencia do vento mariño.

Con respecto á fauna, destacan as aves sobre o resto de especies e, entre elas, o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), a garza real (Ardea cinerea), a garzota (Egretta garzetta), a gaivota de cabeza negra (Larus melanocephalus) e o gaivotón (Larus marinus).