Trátase dun monográfico que establece as características máis prevalentes que permiten identificar esta patoloxía, de moi difícil diagnóstico
Ata o momento, na literatura científica non existen protocolos clínicos sobre esta síndrome, polo que este libro vaise converter nun referente no manexo do mesmo
A Síndrome de Desfiladero Torácico é unha afectación do paquete vasculo-nervioso entre as rexións cervical e torácica, que ás veces se confunde con outra patoloxía do ombreiro ou da columna
O servizo de Rehabilitación do
Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ven de publicar un protocolo
diagnóstico e terapéutico da Síndrome de Desfiladero Torácico. Trátase
dun manual médico que establece todas as características máis prevalentes que
permitan un algoritmo diagnóstico para identificar esta síndrome, de moi
difícil diagnóstico. Ata
o momento,os protocolos publicados sobre esta patoloxía na literatura
científica son bastante inespecíficos, polo que este libro vaise converter nun
referente no manexo da mesma.
O libro, editado coa colaboración
do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), foi escrito conxuntamente
polo xefe do servizo de Rehabilitación, Javier Juan, e os rehabilitadores
Jacobo Formigo e Lucia Rodriguez.
Segundo explica a doutora
Rodriguez, “esta síndrome está pouco estudada, hai escasa literatura científica
e a existente é moi dispersa e desactualizada, polo que é moi difícil realizar
un diagnóstico certero. Por iso decidimos compilar nun manual aqueles datos que
permitan chegar a un diagnóstico así como un resumo e actualización da
evidencia clínica con respecto ás diferentes terapias”.
Difícil diagnóstico pero curable
A Síndrome de Desfiladero
Torácico é unha afectación do paquete vascular ou nervioso entre as rexións
cervical e torácica, a nivel da axila, que pode afectar ao nervio, arteria ou
vea. Segundo a zoa afectada presenta diferentes síntomas que frecuentemente se
poden confundir con outro tipo de patoloxía do ombreiro ou da columna, que
cursan de xeito similar.
“O obxectivo deste manual é
ampliar coñecementos sobre unha patoloxía que ás veces pasa desapercibida non
solo en Rehabilitación, senón tamén noutras especialidades como Traumatoloxía,
Reumatoloxía, Cirurxía Vascular ou en Atención Primaria. O principal problema é
o difícil diagnóstico, que se realiza por descarte doutras patoloxías, xa que non hai unha proba de imaxe especifica
que ofreza unha absoluta fiabilidade”, explica a especialista.
O servizo de Rehabilitación do
Chuvi diagnostica 5 síndromes anuais. A sintomatoloxía referida é de moita dor,
e tamén pode presentar cambios de coloración ou temperatura no brazo.
Soe afectar a persoas que
exercitan moito o brazo, ben levando cargas ou realizando unha serie de
actividade repetidas co brazo en alto. Por isto, os afectados por esta
patoloxía adoitan ser pacientes que se dedican á construción, a limpeza de
cristais ou xogadores de voleibol.
Ás veces, tamén pode aparecer
tras un accidente de tráfico, ou naquelas persoas que presentan unha variante
anatómica e que teñen costelas cervicais (unha costela extra na zoa cervical).
Sen embargo, unha vez o paciente
está diagnosticado, pode tratarse e curarse. Existen dous opcións terapéuticas:
a conservadora, baseada no exercicio e, nalgúns casos, en infiltracións ou
outros tratamentos farmacolóxicos; e a opción cirúrxica, para aqueles casos máis severos. A
intervención é realizada polos servizos de cirurxía vascular ou torácica, e
consiste en diferentes técnicas de descompresión dependendo da localización e
do grao da comprensión. Unha vez efectuada,
a taxa de recorrencia é moi baixa.
Gran expectación
Aínda que o libro recolle todo o
relativo ao síndrome – diagnóstico, exploración, probas e opcións terapéuticas-
é un manual pequeno, de 44 páxinas. “A finalidade este libro é que sexa de
utilidade para os clínicos, unha referencia actualizada desta síndrome. De ahí
o seu fácil manexo e a súa estrutura sinxela, para que resulte claro e
didáctico“ .
Polo de agora, esta publicación está sendo distribuída nos servizos de
rehabilitación galegos, aínda que ante a expectativa que está xerando, estase
estudando a posibilidade de editar unha nova tirada co obxecto de que sexa
distribuída a nivel nacional.