A vicepresidenta remitiu este venres unha carta ás tres administracións co obxectivo de “comezar a urxente recuperación que o aeroporto de Vigo necesita”
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, ofreceu este venres a Aena, Xunta de Galicia e Concello de Vigo a posibilidade de “alcanzar un Pacto por Peinador, a través da unión das administracións implicadas a nivel estatal, autonómico, provincial e local que nos permita comezar a urxente recuperación que o aeroporto de Vigo necesita”. Nunha carta dirixida ao Director de Datos e Mercado Aeronáutico de AENA, Ignacio Biosca, o Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a vicepresidenta provincial lembrou que trala incorporación da Deputación no Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia, convidada por AENA, “expresamos desde o comezo a nosa vontade de colaborar activamente para que Vigo e a provincia de Pontevedra consigan a maior operatividade posible do noso aeroporto”.
Luisa Sánchez sinala na misiva que “o goberno provincial puido analizar os casos de negocio estudados por Aena, que constitúen un excepcional punto de partida para reverter a crítica conectividade de Peinador neste momento”. A vicepresidenta lembra que, “como puiden trasladar persoalmente no seo deste grupo de traballo en maio, Vigo precisa novas vías de potenciación de Peinador ante o fracaso evidente que supuxo adoptar unha política aeroportuaria descoordinada”, xa que se trata dunha “prioridade estratéxica para os nosos sectores turístico, empresarial e para a poboación da provincia de Pontevedra en xeral”. Por este motivo, continúa a vicepresidenta, e tomando como referencia “o modelo exposto por Aena e no que xa participa a Xunta de Galicia”, a Deputación anunciou “un investimento de 200.000€ por parte da Deputación de Pontevedra para promoción de Vigo e da súa provincia por cada nova ruta que se estableza en Peinador”. O Pacto por Peinador ofrecido por Luisa Sánchez busca “seguir avanzando nesta proposta e afondar na colaboración mutua”, e para iso propón “que manteñamos unha reunión de traballo na que concretar estes aspectos e conseguir a potenciación do aeroporto de Vigo”.

