O xefe territorial, César Pérez Ares, achegouse hoxe ata o colexio pontevedrés no marco da rolda de visitas que se están a realizar por todos os centros da provincia
Traslada ao equipo directivo que a unidade técnica está xa a traballar na renovación dos aseos tal e como se ten comprometida a Xunta de Galicia
O xefe
territorial da Consellería
de Educación, Universidade e Formación Profesiona, César Pérez Ares, achegouse
hoxe ata o CEP Altamira na localidade de Salceda de Caselas para coñecer de
primeira man a organización do equipo directivo para adaptarse ás medidas que
marcan o Protocolo fronte á COVID-19.
Unha visita que se enmarca na rolda que se está a realizar desde o
departamento autonómico por todos os centros da Comunidade co obxectivo de
garantir un inicio de curso seguro a
nivel sanitario e dentro da máxima normalidade posible dentro do contexto
actual.
Deste modo, Pérez Ares puido comprobar in situ o plan organizativo que está
levando a cabo o equipo directivo deste colexio de acordo co Protocolo de adaptación ao contexto da
Covid-19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso
2020-2021, elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade.
Segundo dixo, o CEP Altamira conta cun plan
de continxencia no que se recolle de forma exhaustiva a redistribución de
espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos, os medios de protección, a limpeza, o uso de
espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.
Con todo, Pérez Ares lembrou que o propio
Protocolo xa especifica que todas as medidas nel recollidas poden ser obxecto
de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións
que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais. Polo tanto estas
medidas iranse actualizando cando sexa necesario, se os cambios na situación
epidemiolóxica así o requiren e sempre seguindo as indicacións das autoridades
sanitarias.
E tal e como facía onte en Cambados a conselleira Carmen Pomar,
insistiu en que como medida de reforzo de espazos e persoal docente, o sistema público galego contará con 158
unidades (grupos de clase) máis nas etapas de Infantil, Primaria e ESO, así
como con 240 novos mestres que se incorporarán a partir de setembro. Precisamente
unha desas novas unidades que se habilitan serán para o CEP Altamira, que o
vindeiro curso pasará a ter unha aula máis en quinto curso de Primaria.
Renovación dos aseos
Por outra banda, o xefe territorial tivo a
oportunidade de abordar co equipo directivo do centro Altamira a necesidade de
renovación dos aseos, un compromiso adquirido polo departamento autonómico e no
que se está traballando para executar a máxima brevidade posible. Así, Pérez
Ares trasladou á dirección do CEP que a unidade técnica está xa a traballar no
proxecto de renovación e mellora nos aseos, que conta cunha inversión xa
autorizada de máis de 40.000 euros.