A vicepresidenta Luisa Sánchez destaca a consolidación do Torneo Internacional de Balonmán InterPontes como escaparate do potencial deportivo e turístico da provincia

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, presentou esta mañá na sede da institución provincial en Vigo a segunda edición do Torneo Internacional de Balonmán InterPontes, que se celebrará os dás 13 e 14 de agosto en Pontevedra. A competición dá un paso máis nesta nova edición coa participación do Club Cisne Balonmán, como anfitrión, o Frigoríficos do Morrazo, o FC Porto de Portugal e o ONE Vezprém, de Hungría, reunindo desta maneira no Pavillón Municipal dos Deportes a equipos de referencia do balonmán nacional e internacional.

Sánchez puxo en valor a consolidación dun evento que contribúe a proxectar a provincia como destino para a celebración de grandes citas deportivas e que permite, ao mesmo tempo, amosar o seu potencial turístico. Neste sentido, salientou que “a provincia de Pontevedra é un territorio perfecto para acoller competicións deportivas de primeiro nivel”, tanto pola calidade dos seus clubs e instalacións como pola súa capacidade de ofrecer aos deportistas e afeccionados unha experiencia que vai máis alá da competición.