As novas ARI son as de Espiñeiro-Teis, Beiramar, San Roque e San Pablo, que recibirán unha inxección de fondos públicos dun máximo de 20,9 millóns
A Xunta de Galicia acaba de declarar catro novas áreas de rehabilitación integral (ARI) no concello de Vigo, que suma deste xeito un total de oito e se converte no segundo municipio galego con máis figuras deste tipo, tan só por detrás da Coruña, que ten 10. Trátanse concretamente das ARI de Espiñeiro-Teis, Beiramar, San Roque e San Pablo, ámbitos en que se aspira a mobilizar un investimento de máis de 33,2 millóns de euros, dos cales 20,9 millóns procederían de achegas públicas.
Segundo o informe presentado esta mañá ante o Consello da Xunta, esta é a contía que, como máximo, poderán captar as catro novas ARI da cidade olívica para financiar actuacións de rehabilitación en vivendas, así como obras de urbanización ou reurbanización destinadas a mellorar os espazos públicos e de uso común de cada un destes ámbitos.
Cómpre lembrar que a figura da área de rehabilitación integral se creou en 1996 ao abeiro do Plan estatal de vivenda como un ámbito de intervención delimitado no que se prevé a rehabilitación de edificios e de vivendas por iniciativa dos seus propietarios, a execución de obras de urbanización ou reurbanización de espazos públicos por parte dos concellos e, de ser o caso, a construción de edificios ou vivendas que substitúan a outros demolidos.
Con este obxectivo, a principios de 2021 o Concello de Vigo enviou ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a súa solicitude para a declaración de catro novas ARI, que se sumarían ás catro xa existentes. Así, cómpre lembrar que en 1997 foi declarada a primeira figura deste tipo na cidade olívica: a ARI do conxunto histórico; en 2003 aprobouse a de Bouzas; e no ano 2015 sumáronse as de Santa Clara e a das Rúas Bueu-Moaña.
Desde entón, Vigo recibiu unha asignación total de 16,1 millóns de euros para a realización de actuacións de rehabilitación nestes catro ámbitos. O balance provisional ata o momento é de 1.413 vivendas rehabilitadas grazas a un investimento de 8,1 millóns de euros procedentes de fondos públicos, aínda que está prevista a rehabilitación doutras 641 vivendas grazas a achegas pendentes de executar.
Unha vez recibido o visto e prace do Consello da Xunta, Vigo conta xa con catro novas ARI que, segundo as estimacións incluídas na propia solicitude, abranguen un total de 807 vivendas.
Características das novas ARI
En canto ás características particulares das catro novas ARI de Vigo, cómpre subliñar que a de Espiñeiro-Teis é a que ten un maior potencial desde o punto de vista da rehabilitación xa que concentra 386 vivendas agrupadas en 30 edificios e cunha poboación de 599 habitantes. En canto á nova ARI de Beiramar, concéntrase entre os números 145 e 157 da Avenida de Beiramar, conta con 70 vivendas en sete edificios e ten, en total, 137 veciños.
A área declarada en San Roque é a máis extensa, cunha superficie de algo máis de 27.000 m2 dividida entre dúas zonas: unha conformada polas vivendas da rúa Emilia Pardo Bazán e a outra, polas que están máis próximas ao Pazo de San Roque. Neste ámbito hai identificadas 271 vivendas e 133 habitantes. Por último, a ARI de San Pablo está integrada polas vivendas do grupo sindical do mesmo nome, un total de 80, e esténdese por unha superficie de algo máis de 4.000 m2 na que viven 164 veciños.
Así, sumando todas as novas ARI, estariamos a falar dunha superficie de actuación de preto de 55.000 m2 e na que viven ao redor dun milleiro de persoas.

