Luisa Sánchez pon en valor o Torneo Internacional de Tenis Feminino de Vigo como un símbolo de todo o que un grande evento deportivo pode ofrecer á cidade

A vicepresidenta da Deputación asegurou que “estar rozando as 30 edicións non pode despistarnos e debe recibir toda a atención e coidado pola nosa parte”

Luisa Sánchez anunciou que todos os solicitantes de bolsas deportivas, que se duplicaron en 2026 respecto ás solicitudes presentadas en 2023, recibirán recursos da Deputación, sempre que cumpran os requisitos, “porque é unha satisfacción potenciar o talento dos deportistas de Vigo e da provincia”

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, puxo en valor durante a presentación do Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo o carácter “consolidado” que ten esta competición no calendario internacional, e que representa “o que un grande evento deportivo pode ofrecer á nosa cidade”. A vicepresidenta da Deputación asegurou que o torneo, que conta co apoio da institución provincial, “é unha carta de presentación ideal para Vigo porque proxecta a cidade e a sitúa mundialmente, porque mobiliza a deportistas de elite creando referencias e xerando unha alta adherencia ao deporte, porque fomenta o movemento económico e un modelo de calidade turística innegable, e ademais constitúe un espectáculo deportivo para todos os vigueses e viguesas”.

Por todos estes motivos, sinalou Luisa Sánchez, “o feito de que esta competición estea rozando as 30 edicións non pode despistarnos: ten que recibir toda a atención e coidado pola nosa parte, loitar por esta competición ano a ano, dedicarlle o tempo e os recursos necesarios”. Por iso agradeceu o Círculo Mercantil “que vele polo mantemento desta proba nas súas instalacións durante os últimos anos e permita a súa continuidade”, xa que albergar grandes torneos deportivos “require de instalacións, esforzos, orzamento e intanxibles como o compromiso, o interese e a planificación”. A vicepresidenta sinalou que “na Deputación estamos notando que unha aposta clara e decidida polo deporte, con recursos e planificación, ten grandes efectos positivos”. Neste sentido, asegurou que “nunca nesta provincia houbo tantas bolsas a tantos deportistas como agora, e os deportistas saben que poden contar coa Deputación e que a nosa aposta é unha realidade”. Luisa Sánchez asegurou que “en 2026 recibimos o dobre de solicitudes que en 2023, de algo máis de 300 a máis de 650 solicitantes”, e anunciou que “apoiaremos a todos os que cumpran os requisitos volvendo bater as marcas de deportistas con bolsa, porque é unha verdadeira satisfacción potenciar o talento dos deportistas de Vigo e da nosa provincia”.