Remata o Ciclo Mestre Mateo cunha proxección este xoves na Guarda sobre María Casares

A través deste ciclo a Deputación e a Academia Galega do Audiovisual achegaron entre maio e novembro as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos de Baiona, A Estrada, O Grove, A Guarda e Caldas

O Ciclo Mestre Mateo chega ao seu fin este xoves na Guarda coa proxección do documental “María Casares, a muller que viviu mil vidas”. A través deste ciclo a Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual achegaron entre maio e este mes de novembro as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos de Baiona, A Estrada, O Grove, A Guarda e Caldas. A última proxección, gañadora ao mellor documental nos premios Mestre Mateo, terá lugar no mesmo lugar no que arrancou este ano a iniciativa, no Centro Cultural da Guarda, e será este xoves ás 20.30 horas.

Xavier Villaverde (director e guionista) propón en “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, unha aproximación íntima e profunda á vida da actriz, unha figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Trátase dunha homenaxe desde a súa Galicia natal, á que nunca esqueceu, no marco do primeiro centenario do seu nacemento. No documental interveñen María Lopo, Emilio Grancío, Manolo Rivas, Mabel Rivera, Johana Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.

Con esta última proxección o Ciclo Mestre Mateo chega ao seu final, despois de dotar aos concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, exhibindo as películas premiadas e finalistas dos premios Mestre Mateo deste ano. Ademais de “María Casares, a muller que viviu mil vidas” tamén se proxectaron no marco deste programa filmes coma “Valentina” (Chelo Loureiro), “Live is life” (Dani de la Torre), “Código Emperador” (Jorge Coira), “O corpo aberto” (Ángeles Huerta), “A foreign song” (César Souto), “Unicorn Wars” ((Alberto Vázquez Rico) , “Onde máis doe” (Manane Rodríguez) ou “No somos nada” (Javier Corcuera).