A oficina estrea número de teléfono (886 218 498) para simplificar o contacto coa oficina
A través de www.xustiza.gal pódense descargar os formularios que se deben presentar para tramitar expedientes de matrimonio ou cambios de nome, entre outros
Con este servizo finaliza a posta en marcha da cita previa nos rexistros civís das sete grandes cidades galegas
O Rexistro Civil de Vigo comezou a dar cita previa a través de internet para realizar a maioría dos seus trámites e evitar, desta forma, a coincidencia de varias persoas na súa sede, así como os desprazamentos innecesarios a ela. O obxectivo da implantación deste novo sistema é facilitar á cidadanía a realización das xestións necesarias para solicitar expedientes de matrimonio ou cambios de nome, entre outros trámites. Na páxina web www.xustiza.gal, ademais de reservar quenda, pódense descargar algúns dos formularios que hai que cumprimentar, así como as instrucións e a documentación que é necesaria achegar para a execución dos trámites. Por outra banda, a oficina habilitou un novo número de teléfono (886 218 498) a modo de centralita para simplificar o contacto coa cidadanía.
O Rexistro Civil de Vigo atende ao público en horario de 9 a 18 horas, de luns a venres, e, os sábados, de 10 a 13 horas. É obrigatorio pedir cita a través de internet para os seguintes trámites: presentación de capitulacións e traslados de inscricións; expedientes de matrimonio; inscricións de matrimonio do Rexistro Central; cambio de nome e sexo; expedientes de invertido de apelidos; expedientes de cambio de nome e apelidos; expedientes de fes de vida; inscrición de nacementos e presentación de documentación; fes de vida; información e expedientes sobre nacionalidade; e certificados e duplicados do libro de familia.
Coa implantación en Vigo finaliza a posta en marcha da cita previa nos rexistros civís das sete grandes cidades galegas. Este novo sistema, cuxa implantación se realiza desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta, enmárcase dentro das medidas adoptadas na nosa comunidade para facer fronte á Covid-19 no ámbito da Administración de Xustiza.

