Anuncia tamén “unha solución” para o alumnado con dificultades de conexión a internet

“Precisamos dun esforzo combinado para poder rematar con éxito este curso”, salienta o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, nunha carta ao persoal docente e investigador feita pública este sábado, na que avanza unha serie de medidas que a institución académica deberá acometer nas próximas semanas ante a posibilidade de que, por mor da situación xerada pola expansión da COVID-19, non poida retomarse a docencia presencial no que resta de curso. “Non sabemos ata cando durará o estado de alarma, nin en que momento nin en que condicións poderemos volver á docencia presencial”, recoñece Reigosa nun escrito no que apunta que “semella claro que o curso académico 2019/2020 non vai ter máis clases presenciais, agás que se nos permita regresar ás aulas na segunda quincena de maio”. 

Esta situación será abordada o vindeiro luns, na xuntanza que os reitores das tres universidades galegas manterán coa conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar. Mais, ante a posibilidade de que o curso deba completarse por medios virtuais, Reigosa sinala as liñas de traballo nas que se centra o equipo de goberno, así como os retos aos que o PDI podería ter que enfrontarse nas próximas semanas. “Nestes dous meses que restan o traballo vai ser moi intenso”, sostén Reigosa, que agradece o esforzo do PDI nun escrito no que apunta a posibilidade de que os exames teñan que facerse por medios telemáticos, á vez que adianta que o equipo de goberno ofrecerá a vindeira semana “unha solución” ao alumnado que carece do soporte necesario para seguir as clases de xeito virtual.

Prepararse para rematar as clases de xeito virutal 

Como lembra Reigosa, a Universidade realizou recentemente un cambio no procedemento de aprobación das guías docentes co propósito de facer máis sinxelas as reformulacións ás que obriga esta situación, solicitando neste senso ao PDI que, á hora de realizar modificacións, teña en conta “a posibilidade de que xa non se poidan impartir máis clases presenciais”. Neste escenario, insta ao profesorado a empregar as dúas ferramentas que teñen a súa disposición para a docencia virtual, “FaiTIC, cunha semipresencialidade, ou Campus Remoto, unha opción que vos permite impartir as vosas clases sen necesidade de cambiar os horarios”, así como a comunicar ao alumnado como vai seguir recibindo docencia neste período. O reitor tamén solicita ao PDI que non requira “traballo de máis ao estudantado”, tras ter recibido “un número elevado de queixas” por parte do alumnado “que nos transmite que nalgunhas materias non se está a facer nada, mentres que noutras existe unha carga de traballo excesiva».

No relativo ás prácticas en empresas, o prácticum, as estadías clínicas ou as prácticas de laboratorio e de campo, Reigosa sinala que “no ámbito estatal estase traballando para ofrecer unha solución conxunta” e que a Universidade atópase “avaliando distintas posibilidades de solución”. 

Exames virtuais, unha posibilidade enriba da mesa

Nesta carta ao PDI, o reitor subliña a posibilidade de que a avaliación das diferentes materias poida ter que realizarse “a través de exames a distancia”, o que será, admite, un reto aínda maior que a propia docencia virtual. “Estamos a traballar en dúas solucións tecnolóxicas para efectuar exames a distancia, pero ambas presentan un custo de aprendizaxe elevado para o profesorado e unha delas tamén ten un importante custo económico”, adianta Reigosa, que anuncia ao PDI que en maio serán informados das ferramentas que se porán a súa disposición de ser necesarias. Por outra banda, lembra que de poder finalmente realizarse os exames de xeito presencial, estes obrigarán a “extremar as precaucións”, para evitar acumulacións de estudantes nunha mesma sala ou nos corredores, polo que “probablemente haxa que reorganizar as probas”.

Estudantado con problemas de conexión

Outro dos aspectos nos que actualmente traballa o equipo de goberno é o de tratar de facer fronte aos efectos que a fenda dixital ten á hora de que o alumnado poida seguir adecuadamente a docencia virtual. “Os decanatos e direccións dos centros proporcionáronnos unha listaxe das persoas que non teñen datos suficientes ou carecen do soporte informático necesario” e aos que a Universidade, anuncia, ofrecerá “unha solución” ao longo da vindeira semana.

Ampliación dos contratos predoutorais

“No eido da investigación tamén son tempos difíciles”, recoñece o reitor, que anima ao PDI a aproveitar o confinamento “para reflexionar, revisar datos e escribir publicacións”. Neste ámbito, o reitor adiantou tamén que a Universidade atópase “estudando a aplicación do Real Decreto Lei 11/2020 do 31 de marzo que permite ampliar os contratos predoutorais durante o tempo de duración do estado de alarma para aquelas persoas que estiveran no derradeiro ano de contrato”. A vindeira semana, engade, os responsables das tres universidades galegas manterán xuntanzas sobre este tema coa Consellería, tralas que “probablemente fagamos algunha declaración conxunta para harmonizar as solucións”.