O pleno da Deputación aproba a modificación das bases do programa Pon2030 para favorecer o aforro dos concellos

A sesión serviu tamén para aprobar a creación de novos postos de traballo, destinar fondos ao Concello de Arbo para reparar os danos causados por un incendio forestal, transferir treitos de estradas provinciais a tres concellos e esixir ao Goberno central apoio para a industria automobilística da provincia

O pleno da Deputación aprobou este venres na súa sesión ordinaria a modificación das bases do Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) para favorecer o aforro dos concellos. Un apoio aos gobernos locais que é unha das liñas mestras marcadas polo actual goberno provincial.

O cambio aplícase na base vixésima do regulamento. A partir de agora este punto recolle que “as subvencións que se concedan no marco destas bases admiten a compatibilidade con outras axudas públicas, incluídos os fondos europeos”, pero a principal diferenza está en que “no caso de que se obteña financiamento adicional, este reverterá no 100% da achega municipal”.

Antes desta modificación, os concellos tiñan que aportar sempre unha porcentaxe do orzamento total do proxecto, que non adoitaba superar o 30 %. E se había achegas doutras administracións, salvo os fondos europeos, á marxe do Concello e a Deputación, as achegas de ambas as institución minorábanse de xeito proporcional. Con este cambio, agora o primeiro en reducir a súa achega, ata cero se é posible, será o Concello e, se segue existindo financiamento adicional, minorarase despois a achega da Deputación.

Foi aprobada tamén a modificación de crédito por valor de 28.283 euros, procedentes de fondos do remanente líquido de tesourería, para conceder unha subvención nominativa urxente ao Concello de Arbo para financiar unha parte da obra de reparación da rede de pluviais do polígono empresarial do municipio danada o pasado verán por un incendio forestal. Esta aportación adiantada pola Deputación é a contía que tiña que aportar o Concello dun total de 56.566, que é o orzamento total da obra. Estes fondos se lle serán deducidos ao Concello de Arbo do plan de investimentos do próximo ano 2024.

O primeiro punto da orde do día, referido a , tamén saíu adiante cos votos favorables dos 14 deputados do grupo popular a modificación do cadro de persoal e relacións de postos de traballo. Un acordo que supón a creación dunha praza de axente de emprego e desenvolvemento , unha praza de técnico auxiliar en preimpresión, dúas prazas de condutor maquinista e dúas prazas de auxiliar técnico xurídico.

Ademais amortízase un posto de persoal laboral fixo de técnico auxiliar de preimpresión, dúas prazas de persoal funcionario de oficial de infraestruturas e servizos e unha praza de persoal funcionario de técnico da administración xeral.

O pleno sacou adiante tamén a aprobación dun novo regulamento para a prestación do servizo de venda de embrións bovinos pola Finca Mouriscade para garantir a transparencia e a igualdade de acceso á compra por parte dos gandeiros e evitar posibles actos fraudulentos.

Do mesmo xeito, o pleno acordou a transferencia de tres treitos de tres estradas aos concellos polos que transcorren. Son a EP-2802 de Acceso a Calvos en Fornelos de Montes, a EP-9401 entre a Travesía de Meis, San Salvados e o enlace coa autovía AG-41 en Meis e dous treitos da EP-4006 entre Ponteareas a As Neves no termo municipal de Ponteareas.

O debate rematou coa moción do grupo popular relacionadas co rexeitamento á tramitación dunha eventual lei de Amnistía. O pleno da Deputación rexeita calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado para calquera grupo de cidadáns, calquera que sexa o seu delito; considera que o imperio da lei é a expresión da vontade popular como recolle a Constitución e anima aos dous partidos maioritarios do Estado a buscar acordos que eviten que a sociedade española se vexa sometida ás condicións ilegais de partidos independentistas.  

Antes fora rexeitada a moción do grupo socialista para instar ao goberno provincial ao mantemento do Plan Concellos deseñado polo anterior goberno.