O novo Plan Xeral en tramitación contén “un cambio de filosofía no urbanismo de Vigo”, en verbas de Caballero
«O Plan Xeral aprobado no 2008 prevía arrasar e conta nova” en espazos “deteriorados” da cidade, explicou Caballero, o que “rompería o sabor tradicional e produciría un dano enorme á xente que vive alí”. O alcalde sinala que o novo planeamento urbanístico en marcha «debulla outro modelo co que acondicionar estas zonas respectando os seus sinais de identidade e as vivendas”, a través de vinte 27 Plans Especiais de Protección de zona.
O rexidor explicou que estas figuras permiten estudar con detalle a mellora da cidade de vida da cidadanía integrando o que xa existe e respectando as particularidades e singularidades dos distintos territorios. As zonas protexidas son o barrio histórico de Canadelo, o barrio de Ribadavia, A Rola, Numancia, Camiño de Rioboo, Salgueira, Cordeiro-Rocío, O Chouzo, Cordeira, Figueiredo, Ceboleira, o núcleo histórico de Guixar, Espiñeiro-Teis, Ríos, Balbarda, Paradela, Toural, Vista do Mar-Cantabria, o núcleo histórico de Cambeses, Rosal Florido, Barreiro, núcleo histórico Sampaio-Piñeiro, o núcleo histórico Sampaio-Quintela, a rúa da Cañiza, Carrasqueira, Coruxo-Silveira e Coruxo-Combro.
O documento de 2008 contemplaba “zonas deterioradas nas que o Plan facía borrón e conta nova. Ese Plan eu herdeino, porque esa non é a nosa filosofía urbanística”, asegurou o alcalde. Agora, co novo PXOM, “quen teña unha vivenda digna continuará con ela; adaptamos a ordenación do barrio ás vivendas dignas existentes”. A pretensión municipal é “respectar os sinais de identidade da zona, que se foron fraguando ao longo dos anos”.

