Mos recada máis en 2024 cunha xestión que permite non subir os impostos

Pasa a ingresar uns 800.000 euros máis coa revisión do Padrón do lixo das empresas, o cobro do IBI a Audasa e a taxa por uso de instalacións municipais

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Facenda e Economía, Feli Rodríguez, informaron de que o Plan Municipal de control de cumprimento coas taxas e tributos municipais, iniciado o pasado verán co comezo da nova lexislatura, empeza a dar os seus froitos e as arcas do Concello ingresarán este ano 2024 aproximadamente 800.000 euros máis entre o recibo do lixo, o IBI de Audasa pola autopista AP-9 e o inicio do cobro da taxa por uso de instalacións municipais.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

As representantes locais Arévalo e Rodríguez declararon a este respecto que “este Plan responde á política de xestión económica eficaz e eficiente do goberno municipal e da concellería de Facenda en particular que, co apoio dos departamentos de Intervención e Tesourería, iniciou unha exhaustiva laboura de revisión e fiscalización para asegurar que todo o mundo cumpra coas súas obrigas tributarias sen prexuízos para ninguén; respondendo á máxima vontade de xustiza social”, explican.

Deste xeito o Concello de Mos comezou hai meses a revisión do Padrón das empresas que non estaban dadas de alta, para pasar a cobrarlles a taxa por recollida de lixo. Con esta revisión a administración local pasará a ingresar uns 200.000 euros anuais máis, que en 2024 serán 600.000, ao contemplarse ata 3 anos con efecto retroactivo e cobrarse tamén os atrasos.

Por outra banda Audasa deberá aboar tamén ao Concello de Mos en 2024 170.000 euros en concepto de IBI pola Autopista AP-9 e reclámanselle tamén os 50.000 euros correspondentes ao pasado ano 2023 (desde data 21 de agosto).

Por último o Concello de Mos, en aras de continuar con este camiño de equidade e xustiza social respecto das obrigas tributarias, seguirá a traballar para actualizar o Padrón de todas as taxas e impostos e que toda a veciñanza, tanto empresa como habitantes particulares, contribúan en igualdade de condicións, sen agravios para ninguén.