Tendo en conta que o 15% da poboación mundial ten discapacidade, unha oferta turística e de lecer adecuada e dirixida a todas as persoas suporá, ademais dun factor de inclusión social, unha oportunidade de negocio para o sector
COGAMI dedica o mes de setembro ao turismo e lecer inclusivos durante a campaña 12 Chaves da Inclusión, lanzada este ano polo 30 Aniversario da Organización.
Cando está a piques de rematar a tempada alta do
turismo de vacacións, COGAMI pon o foco de atención na necesidade de contar cun
turismo e un lecer inclusivos que permita ser gozado por todas as persoas, en
igualdade de condicións e sen limitacións.
O 9% da poboación española
ten discapacidade, só en Galicia hai censadas 235.451
persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, e destas, o 65% comprende
idades entre os 16 e 74 anos. Se ás persoas se lles ofrece unha oferta con
infraestruturas, servizos, contornas, produtos e actividades accesibles, isto suporía
non só un factor de inclusión social senón tamén unha oportunidade para o
sector turístico, cun aumento de cota de mercado potencial de clientela a nivel
mundial.
“O turismo accesible non é só un hotel e un
transporte accesible, supón tamén poder acceder a un museo, a unha cafetería, a
unha praia ou a un paseo pola natureza en igualdade de condicións que o resto
das persoas”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen puntualiza “Debe
terse en conta a experiencia da viaxe no seu conxunto: a planificación, a
información turística, os transportes, a hostalaría e a restauración, as
actividades turísticas, de lecer e deportivas,…”
Durante este mes de setembro, COGAMI dedica a
campaña 12 Chaves da Inclusión ao turismo e o lecer inclusivos, co fin de facer un chamamento a todos os
concellos e ao sector turístico que aínda a data de hoxe, carecen de espazos adaptados,
limitando o seu uso a todas as persoas en igualdade de condicións.
“Promocionar o turismo e o lecer inclusivos
benefician a toda a comunidade, non só ás persoas con discapacidade, tamén ás
empresas do sector porque a súa clientela verase incrementada. Ademais unha
persoa cando se sente cómoda na súa viaxe ou nunha actividade, repite experiencia”,
aclara Queiruga.
Como exemplo son as máis de 2.000 persoas con
discapacidade que cada ano viaxan a distintos puntos turísticos inclusivos de
España a través do programa de vacacións que ofrece COCEMFE, entidade estatal
da que forma parte COGAMI. Este ano, ademais de accesibilidade, teranse en
conta todas as medidas de prevención ante o COVID-19, como a redución de número
de persoas nas quendas, toma de temperatura, uso de máscara e xel hidroalcólico,
dotación de equipos de protección para persoal de apoio e o acompañamento de
persoal técnico de prevención de riscos en cada grupo.
Para superar as dificultades de acceso a actividades de lecer e deportivas,
dende COGAMI e as súas entidades membro desenvólvense anualmente programas que
permiten a práctica de navegación a vela, a asistencia a balnearios con fins saudables, a
asistencia a campamentos, a práctica de actividades de respiro familiar e a
organización de deportes inclusivos. Como exemplo as 48 actividades
desenvolvidas durante o ano pasado pola área de Lecer de COGAMI nas que
participaron 908 persoas do movemento asociativo.
COGAMI
por unha Galicia Accesible
Dende hai dous anos, COGAMI e Equalitas Vitae, empresa
líder na promoción do turismo accesible, traballan conxuntamente no proxecto denominado
Galicia Accesible para promocionar o
turismo accesible na nosa comunidade a través de estudos sobre a accesibilidade
en aloxamentos e outros servizos da oferta turística e cultural, promocionando
aqueles que cumpran cuns requisitos de accesibilidade establecidos e que
garantan un servizo turístico de calidade para clientela con necesidades
especiais.
Cando as instalacións dos establecementos cumpren
cos requisitos, COGAMI entrégalles un distintivo acreditativo da posibilidade
do seu uso por todas as persoas e ademais, trala colocación dun adhesivo cun
código QR, permítese a conexión cunha APP de Turismo Accesible by Equalitas na que se poden ver as
características das instalacións do establecemento.
Campaña 12 Chaves da Inclusión: turismo e lecer inclusivos COGAMI continúa coa campaña 12 Chaves da Inclusión para conmemorar os trinta anos de traxectoria e para isto dedica cada un dos meses do ano a un dereito, sendo neste mes de setembro dedicado ao turismo e o lecer inclusivos. A través deste enlace podes ver un vídeo que recolle o dereito a gozar do tempo de lecer de todas as persoas.