Recoñeceu o enorme aprecio e respecto que sente o PPdeG polo labor que realiza o instituto armado na Comunidade
Asegurou que non hai nada peor que a desinformación creada por algúns partidos políticos para xerar unha situación de desconfianza
O secretario xeral
dos populares galegos, Miguel Tellado, explicou esta mañá a postura do seu partido
sobre á reivindicación das competencias administrativas en materia de Tráfico e
garantiu a presenza da Garda Civil na Comunidade “mentres goberne o Partido
Popular de Galicia”.
Nesta reunión, á
que asistiron 21 representantes da Garda Civil pertencentes a 10 colectivos de
axentes, tamén participaron Paula Prado, voceira de Interior do PPdeG no
Parlamento de Galicia, e Ana Vázquez, portavoz de Interior do PP no Congreso
dos Deputados.
Tellado relatou
como a reivindicación das competencias administrativas en materia de Tráfico e Seguridade
Viaria é unha vella reclamación de todos os partidos da Cámara galega. “Unha
competencia para a que nos faculta a Constitución Española e o Estatuto de
Autonomía de Galicia”, asegurou aínda que aclarando que “agora non é o
momento”.
“Pero esta demanda
administrativa non ten nada que ver con expulsar á Garda Civil das nosas
estradas” asegurou o secretario xeral, culpando de desinformar sobre esta
cuestión aos outros partidos “con intereses electorais en Madrid”.
“Non estamos
dispostos a asumir as competencias administrativas de Tráfico se isto supón
prescindir do labor que realiza a Garda Civil” insistiu o popular.
Igualmente,
subliñou que “non hai nada peor que a desinformación interesada para xerar unha
situación de desconfianza” e reivindicou o longo historial de colaboracións do
PPdeG e a Xunta co instituto armado: “Nós queremos máis Garda Civil en Galicia,
nunca menos, e así o reclamamos durante todo a historia da nosa Autonomía”.
Por último, incidiu
no enorme aprecio que o PPdeG sente pola tarefa realizada pola Garda Civil en
todo o país e, de forma especial, en Galicia, e recoñeceu a súa
profesionalidade e eficacia: “A Garda Civil é unha institución que vertebra
España e realiza un gran traballo, especialmente no medio rural, onde leva a
cabo un labor extraordinario”. “En moitas ocasións sen todos os medios e
recursos que necesitan” engadiu o número dous dos populares galegos.
DESINFORMACIÓN INTERESADA
Pola súa banda, a
voceira de Interior do PPdeG no Parlamento de Galicia admitiu que o seu modelo
“non é nin o modelo do BNG nin o modelo de Navarra“.
“Aquí houbo
partidos que estiveron moi interesados en xerar confusión e desinformar, porque
estaban inmersos nunha campaña electoral en Madrid” sostivo a vicevoceira do
Grupo Popular.
Prado detallou que a abstención do Partido Popular
de Galicia foi na toma en consideración dunha proposición de lei do BNG, o que
“non implica aceptar o texto lexislativo proposto, só abrir unha vía para
debater a cuestión competencial”. “Agora debateremos a proposta de lei e a
postura do noso partido a favor da Garda Civil quedará claramente reflexada”
finalizou a voceira popular.