O voceiro do grupo municipal
da Marea de Vigo, Rubén Pérez, mantivo
hoxe unha xuntanza coa representación sindical da XER, actualmente concesionada
na empresa Dornier, para coñecer o estado
do servizo ante as numerosas queixas cidadás e as reiteradas situacións de
incuprimento concesional que se repiten no servizo. “Unha situación
reiteradamente denunciada por Marea de Vigo e polos propios traballadores e
traballadoras do servizo” sinala o voceiro.
“Especialmente grave –
apunta Pérez – é o incumprimento do prego
administrativo que na cláusula 46, punto 7 di claramente que as reducións permanentes superiores ao 10%
das prazas da XER serán compensadas únicamente coa ampliación dun número
equivalente de prazas da XER noutras rúas da cidade. É dicir, que pasar de 2132
prazas a aproximadamente as 1700 actuais, esencialmente polas humanizacións,
tiña que ter habilitado máis prazas de zona azul na cidade e non apostar pola
opción do aparcadoiro privado subterráneo como ten acontecido na cidade de
Vigo”. Que a empresa non reclame esta cláusula, “que por certo invalida a
compesación económica pola diminución de prazas
– matiza – , é mostra de que Concello e empresa confabulan e cooperan
nestes incumprimentos”.
Alén dos incumprimentos nos
pregos, Marea de Vigo denuncia graves incumprimentos en materia laboral. “O
prego obriga a ter permanentemente operativas 15 rutas con 18 controladores/as
e actualmente non se cubre nin a metade do licitado” detalla Rubén Pérez.
“Ademais de non cubrirse baixas por IT, descansos ou vacacións” engade.
Do mesmo xeito, pasados dous
anos do inicio da concesión, o voceiro municipal lembra que “nada se sabe do
obrigado cumprimento que figura no prego de habilitar a tarxeta cidadá
PassVigo, nin a de prepagamento nin a de residente”. Marea de Vigo denuncia
tamén, como fixera no seu día mediante escrito á mesa de contratación, que
“seguen se instalarse os 9 postes eléctricos de recarga de vehículos que
figuraban na oferta e que tiñan que colocarse no primeiro ano de servizo,
levando xa dous anos coa concesión actual”.
Marea de Vigo lamenta que o
concello non esixa o cumprimento da peritaxe que se realizou ás máquinas
expendedoras durante o proceso xudicial, xa que esta amosou que, segundo relata
Rubén Pérez, “os modelos existentes funcionaban de xeito irregular, con
problemas recurrentes nas botoneiras, fallos nos mecanismos de venda por
tarxeta e puidendo responder soamente ao 31% de aforro que a empresa ofertou no
prego para os gastos de explotación”. Marea de Vigo exise unha auditoría
técnica das máquinas expendedoras que mesmo foran no seu día instaladas na vía
pública sen os USB de carga de móbiles que se ofertaba como mellora por parte
de Dornier.
Igualmente, Marea de Vigo
resalta que a sentenza, a pesar de non anular a adxudicación, deixa claro que os incumprimentos dos pregos
poden chegar a resolver o contrato público, “cuestión que debería estar sendo
xa analizada polo Concello ao resultar pertinente tal resolución ante os obvios
e graves incumprimentos por parte da empresa concesionaria, Dornier” conclúe o
voceiro.