Oriana Méndez, concelleira do Grupo municipal da
Marea de Vigo, afirma que “é un erro priorizar a continuidade de actuacións que
xa estaban en marcha sobre un uso dos
recursos económicos que permita desenvolver, por exemplo, políticas de coidados
e apoio á cultura e a actuacións que comparten espacio no RD 27/2020 xunto co desenvolvemento
de mobilidade sostible e axenda urbana”. Para Marea de Vigo, “é un erro e unha
falla de lectura correcta dos problemas que viven as familias viguesas, o
sector da cultura, as salas de música, os teatros, etc” engade a concelleira.
No expediente modificatorio de crédito extraordinario
aprobado na Xunta de Goberno Local do pasado venres, cun importe de máis de 13
millóns de euros, “o Goberno local volve a cometer o mesmo erro da modificación
de máis de 36 millóns aprobada en novembro de 2020, priorizar mobilizar millóns
de euros en obras públicas ornamentais en moitos casos en vez de activar un
ambicioso plan para que os recursos procedentes dos aforros impostos por
políticas de contención de gasto público acaben sendo instrumentos para a
reactivación económica, a cobertura social e mesmo a alternativa habitacional
nunha cidade xa cun nivel de pobreza cronificado que supera o 21%” matiza
Oriana Méndez.
Marea de Vigo non considera “ético” que, na
conxuntura actual, dos 46 millóns de euros mobilizados do remanente de
Tesourería, “nos que hai sitio para máis de 1 millóns de euros para campos de
fútbol, 123.000 euros para cubrir con metacrilato o tranvía da avenida de
Castelao, máis de 2,3 millóns de euros para reformar a plaza da Elíptica, case
un millón para adaptar o antigo edificio da EDAR de Coruxo como auditorio, etc,
etc, o Goberno local non considere
urxente e acaído habilitar axudas directas ao sector da hostelaría e comercio
local (habilitando no seu lugar accesos a centros comerciais con estes
recursos), unha liña de axudas ao sector do ocio nocturo e salas de concertos
que están a piques de quebra na cidade, un complemento económico para políticas
de protección social, ou mesmo a adquisición dun parque de vivenda de
emerxencia social ante os meses que nos veñen enriba de profunda incertidume
económica” afirma a concelleira
Marea de Vigo, pola contra, segue a considerar
esencial e central o contido na súa proposta de empregos do remanente,
expresado no debate do Pleno de novembro de 2020, onde o grupo acusou ao
Goberno de Abel Caballero de vivir en “campaña publicitaria de ciclo permanente
vendéndonos os grandes logros da cidade, “que poderían ser para unha cidade de
antes de febreiro ou marzo do 2020, pero que para o contexto actual é
absolutamente irreal, e só amosa que o
Goberno que non é quen de ler unha cidade na que os índices de pobreza
aumentan de xeito galopante, na que a exclusión social se vai consolidar neste
ano e o que ven, na que vai haber un serio problema de cohesión social, e na que todos e cada uns dos recursos deben
ter prioridade social” conclúe Oriana Méndez.