A Consellería do Mar habilitará unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para este ano
A Consellería do Mar vén de resolver a primeira
convocatoria de axudas do ano 2021, pola que se aproban as subvencións para 16
proxectos asesorados polo Grupo de
Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda e
pertencentes aos concellos de Cangas,
Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Nigrán e Baiona. As axudas superan os
648.000 euros e supoñen un revulsivo para o tecido económico e social da zona.
Os proxectos, sete
non produtivos e nove produtivos, axústanse á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), coa que
se busca mellorar a competitividade do sector, crear emprego, aumentar o valor
engadido dos produtos pesqueiros, innovar na cadea de subministro, coidar o
medio e promover a cultura mariñeira.
Proxectos non produtivos
Entre as iniciativas non produtivas atópanse
proxectos cuxo eixe central xira arredor do coidado do medio mariño como son os
da Coordinadora para o Estudo dos
Mamíferos Mariños (CEMMA), que busca continuar coa Rede de Varamentos de
Galicia, e o da Confraría de Pescadores
San Juan de Redondela, que traballará por osixenar de xeito natural os
bancos marisqueiros que están a perder produción.
Por outra banda, co obxectivo de diversificar un
sector enfocado ao cultivo do mexillón na Ría de Vigo, a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas pon en marcha o proxecto
Cultav, pensado para completar en catividade o ciclo de vida da Anemonia viridis, coñecida como anémona
ou ortiga de mar, e desenvolver o seu cultivo en batea. E o Concello
de Baiona creará un espazo de cooperación, discusión, formación e
divulgación de referencia da economía azul dende a perspectiva da cunca
atlántica no marco do Proxecto Blue Atlantic Foro.
A divulgación do patrimonio está presente entre os
proxectos non produtivos coa iniciativa do Concello
de Vilaboa coa que se quere impulsar a visibilidade das Salinas de Ulló.
Así tamén figura nos plans do Real Club
Náutico Rodeira de Cangas, que lidera a iniciativa Naveganta coa que poñer
en valor a riqueza da Ría de Vigo e impulsar a presenza das mulleres nos
deportes náuticos, e nos do Club Náutico
de Cobres, que centrará os seus esforzos na promoción da diversidade da
Enseada de San Simón e a práctica dos deportes náuticos dunha forma sostible.
Proxectos produtivos
Entre osproxectos
produtivos atopamos diversas propostas que apostan pola innovación para
dixitalizar e automatizar procesos, incluíndo outros novos, e modernizar a
venda de peixes e mariscos, como son as de Pesciro
S.L.U, Frigoríficos de Vigo S.A,
Mariscos Islas Cíes S.L.U e Cíes Artesanais S.Coop Galega.
Como iniciativas vinculadas á posta en valor dos
produtos pesqueiros, sitúanse as da Confraría
de Pescadores Virxe do Carme de Arcade, coa que se busca mellorar ecomercializaciónda anguía procedente da pesca artesanal; a da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballa na
posta en marcha dun distintivo de calidade para o choco de Redondela; e a da Asociación de Familiares de Persoas
Enfermas de Alzheimer do Morrazo (AFAMO), centrada en visibilizar a riqueza
dos produtos do mar para a súa exportación.
E no relativo á promoción do patrimonio do mar
desde o turismo sitúanse os proxectos de Estancias
Pintans S.L.U., consistente na adaptación dunha casa mariñeira como
hospedaxe, e de Navis Siren S.L.,
centrado na instalación dun apartamento flotante turístico no Porto Deportivo
de Baiona, tomando como referencia as barcazas dos canais de Ámsterdam.
Nova convocatoria de axudas
A Consellería do Mar habilitará unha nova convocatoria de axudas FEMP 2014-2020 para este ano. Polo de agora non se coñece a data límite para a presentación das candidaturas, pero desde o GALP Ría de Vigo-A Guarda animan a quen teña algunha iniciativa que encaixe dentro Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) a ir preparando a documentación e quedan á súa disposición para acompañalos durante o proceso. As persoas interesadas poden chamar ao 986 35 81 09 ou ao 646 87 31 06; ou ben enviar un correo electrónico ao seguinte enderezo galp.mar.riadevigoaguarda@xunta.gal.