A fronte nacionalista alerta de que non se están a respeitar as medidas preventivas e de seguridade, de elevados niveis de ruído e de que xa se produciron golpes de maquinaria pesada contra varandas e fachadas de edificios catalogados
O concelleiro, Xabier P. Igrexas, interpelou o Goberno municipal na Xerencia de Urbanismo e urxiuno a actuar para vixiar o cumprimento da normativa e garantir a seguridade de persoas e inmóbeis
Sobre o novo PXOM, o BNG abstívose na votación na Xerencia de Urbanismo do novo planeamento e reclamou un proceso de exposición pública que permita a participación real da veciñanza e do tecido asociativo
O Bloque Nacionalista Galego trasladou esta mañá na Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo as queixas da veciñanza da rúa Elduayen a respeito das incidencias que se están a producir por causa das obras do túnel de Porta do Sol. A fronte nacionalista urxiu o Goberno municipal a supervisar as obras e garantir a seguridade para persoas e inmóbeis.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, interpelou o Goberno local durante a sesión extraordinaria do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo decorrida esta mañá, a respeito das incidencias denunciadas pola veciñanza nas obras da rúa Elduayen.
Igrexas preguntou sobre as actuacións realizadas polo executivo municipal perante a falla de medidas preventivas na delimitación do espazo valado polas obras, a inseguridade das sendas peonís que permiten o tránsito pola rúa, o mal estado das lonas de protección, a falla de iluminación e de limpeza a causa destas, así como os elevados niveis de ruído rexistrados e que vulnerarían a propia ordenanza municipal.
O portavoz municipal nacionalista considerou de “especial gravidade” a falla de proteccion de edificios catalogados. “Xa se produciron varios golpes de maquinaria pesada e elementos da obra contra varandas e fachadas de edificios que deberan contar cunha especial protección polo seu valor patrimonial”, advertiu.
Por parte do Goberno, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, asegurou non ter coñecemento deses feitos, a pesar de que foron formalmente trasladados por veviñanza afectada a través de escritos de queixa ao Concello, e limitouse a sinalar que daría traslado do asunto á área de Fomento.
“O descontrol é total nas obras do túnel. O desleixo e a falla de supervisión municipal son clamorosos. O que debera facer Abel Caballero é ir menos a fotografíarse no subsolo e dar instruccións para poñer orde na superficie, garantindo a seguridade tanto das persoas que viven e transitan a rúa como dos propios inmóbeis”, esixe Igrexas.

