O alcalde avanzou esta mañá que na esquina entre Hernán Cortés e María Berdiales haberá unha praza pública de máis de 800 m2
Así consta no estudio detalle da zona que se aprobará inicialmente a semana que vén
Na próxima Xerencia de Urbanismo aprobarase inicialmente o estudo detalle de Hernán Cortés que suporá a ordenación dos volumes que se poden construír na confluencia desta rúa con Doutor Colmeiro Laforet e María Berdiales. Está prevista unha praza pública de máis de 800 m2 nunha zona próxima a varios centros educativos e, polo tanto, con demanda de espazos públicos. A ordenación contempla a construción de de 63 novas vivendas dunha altura máxima de 8 plantas.
Outro dos asuntos que se abordarán na Xerencia será, segundo avanzou o rexedor, a validación do proxecto e inicio de execución subsidiaria en ruína en San Roque. Cun importe de 82.000 euros, o Concello derruirá os números 130, 132, 142 e 144 – que están en ruína – para sanear e limpar a zona, dada a inacción dos propietarios.

