Ecoloxistas en Acción insta ao Concello de Vigo a unha rectificación da decisión de nomear o areal da Calzoa e a Foz do Lagares como espazo de esparexamento canino

A organización ecoloxistas demanda a inclusión na ordenanza da prohibición xeral da presenza de animais nos areais durante todo o ano, agás naqueles designados para tal fin

Demanda o cese da agresiva actividade á que está sometido o areal da Calzoa, producindo unha gravísima compactación das marxes dunares consecuencia do paso da maquinaria pesada de limpeza

No proceso de consulta pública previa, Ecoloxistas en Acción manifestou a súa preocupación polo estado actual e pola conservación do ecosistema litoral vigués, unha preocupación que parecía coincidir co obxectivo principal da proposta de ordenanza do concello. «En ningún dos artigos da ordenanza nin sequera se vislumbran medidas ou accións encamiñadas a unha protección real dos valores naturais dos areais así como ningunha acción destinada a concienciar á cidadanía sobre esta cuestión. Os obxectivos son mostrados coma palabras baleiras de contido», sinalan.

Ecoloxistas en Acción reitera que declarar A Calzoa e Foz do Lagares como espazo de esparexamento canino incumple de maneira «clamorosa» coa ordenaza, xa que esta establece usos nos areais que sexan incompatibles coa preservación do medio. «Sen embargo  foi seleccionada para tal fin o areal con maior valor ecolóxico deste tramo de costa para concentrar centos de cans a diario, cos conseguintes e consabidos danos producidos á biodiversidade» recordan.

A organización ecoloxistas resalta que unha vez máis, introdúcese unha contradición ao designar a Calzoa como praia para cans, na que hai unha duna móbil costeira con Ammophila arenaria (duna branca) de tamaño considerable, á que os cans acceden constantemente, a pesar de estar acotada, e de xeito moi descontrolado sobre todo nas mareas vivas e nos momentos de máxima afluencia, causando un grave impacto no fráxil ecosistema dunar. A isto hai que engadir a compactación extremadamente grave das marxes da duna, producida pola maquinaria pesada dirixida a labores de limpeza.

«Segundo o Concello de Vigo para a redacción do proxecto de Ordenanza tivéronse en conta, entre outras, as ordenanzas municipais de Málaga, Alicante, Benidorm, Algeciras, Tarifa, Donostia-San Sebastián e Oleiros». Ecoloxistas en Acción sinala que en todas as ordenanzas citadas como «tidas en conta», detállanse as normativas e obrigacións das praias para cans, cando existen, e son descritas con precisión as prohibicións e obrigas dos usuarios con mascotas para o resto de praias. «No caso dos municipios que designan unha praia, ou parte dunha praia, para animais de compañía, atopamos que, nas súas ordenanzas, o espazo canino está perfectamente acotado ou está claramente delimitado para que os cans permanezcan obrigatoriamente dentro dos seus límites, imponse aforo, selecciónanse zonas onde o baño está expresamente prohibido para as persoas ou que non están clasificadas como zonas de baño, ningunha delas está situada en zonas ou próxima a zonas especialmente sensibles á fauna silvestre ou que afectan significativamente ao ecosistema costeiro e ningunha delas está próxima a vivendas familiares».