Ecoloxistas en Acción celebra que o Concello de Vigo recoñeza deficiencias no sistema de depuración

Subliñan que un informe municipal detalla que na rede de Vigo están rexistrados 72 puntos de alivio que, ao estar insertados nunha rede de tipo unitario, e dada a falta de capacidade para facer fronte a episodios de precipitacións, entran en servizo con frecuencia durante os períodos de chuvia

Ecoloxistas en Accion emitiu hoxe un comunicado no que celebra que o Concello de Vigo recoñeza as deficiencias no seu sistema de depuración de refugallos, como así se reflicte, apuntan, no informe municipal «Análise das necesidade de investimento en infraestructuras para a xestión do ciclo integral da auga».

O informe, subliñan, detalla que na rede de Vigo están rexistrados 72 puntos de alivio que, ao estar insertados nunha rede de tipo unitario, e dada a falta de capacidade para facer fronte a episodios de precipitacións, entran en servizo con frecuencia durante os períodos de chuvia. No propio informe sinálase a necesidade de adaptación destes puntos de alivio dotandolos de sistemas de pretratamento para limitar a contaminación por sólidos grosos e flotantes. Tamén é necesario instalar tanques de tormenta que permitan reter as primeiras augas de chuvia, máis contaminadas.

Ecoloxistas en Acción recalca que debe acometerse a eliminación de todas as verteduras subsanando as deficiencias da rede de saneamento. Segundo o informe as periódicas campañas de inspección da rede teñen detectado a existencia de algúns puntos de verteduras sistemáticas para o que demandan un investimento necesario de 1.717.000 euros. Entre as actuacións máis urxentes destacan puntos negros como en Cabral (rúa Fontiñas) ou Teis (r/ Xorxa, r/Arnela, contorna do río Paraixal).

Outro punto negro é o colector de marxe do río Lagares. O informe sinala que resulta igualmente necesario dotar ao colector de marxe de ría de tanques de tormenta que permitan reter as primeiras augas de chuvia (máis contaminantes) e laminar os excesos de caudais, limitando os alivios ao medio e os riscos de inundación.

Tamén compre a renovación do colector  marxe  de  ría que discorre  paralelo  ao  borde marítimo  dende  Guixar  (r/ Xulián Estévez)  ata  a  EDAR  do  Lagares,  recollendo  no  seu  percorrido  os principais  colectores  de  saneamento do casco  urbano. É urxente actuar para subsanar a  falta  de  capacidade deste colector o  que  provoca  verteduras de refugallos sen tratar  á  ría cando  se  producen episodios  de  chuvias.

Ecoloxistas en Acción agarda «que o informe realizado serva de folla de ruta para o goberno municipal resolva as graves deficiencias da rede de saneamento municipal e non quede nunha mera escusa para aplicar un incremento tarifario». «As augas residuais sen tratar reducen a cantidade de osíxeno e afectan á proporción de nutrientes, provocando un crecemento excesivo de algas e outras plantas, o que afecta negativamente á fauna e flora do ecosistema acuático no que se verten. Como resultado, prodúcese un impacto moi negativo sobre o valioso ecosistema costeiro que afecta tamén a actividades produtivas como a pesca e o marisqueo», engaden.

Ademais, apuntan, «existe o perigo de propagación de substancias tóxicas e/ou patóxenos contidos nestas augas, procedentes principalmente do tractos intestinais, que poden provocar a transmisión de enfermidades». Ecoloxistas en Acción demanda ao Concello de Vigo que complete a rede con separativa o antes posible, que subsane todas as deficiencias advertidas no informe eque manteña unha vixiancia activa para corrixir fallos no sistema.