As residentes de cirurxía cardíaca do Álvaro Cunqueiro foron as únicas españolas seleccionadas para participar nun concurso internacional

Na fase final do concurso tan solo acadaron participar 6 hospitais europeos, sendo o Álvaro Cunqueiro o único hospital nacional elixido 

As dous residentes de Cirurxía cardíaca do Álvaro Cunqueiro, Consuelo Sisinni (R4) e Carolina Mayor (R2), foron seleccionadas para participar nun concurso internacional “Resident Showdown-Jeopardy”,  que ven de ser celebrado en Milán no seo do Congreso Europeo de Cirurxía Cardiotorácica.

Nesta fase final do concurso tan solo foron seleccionados 6 hospitais europeos, e de España unicamente o Álvaro Cunqueiro. Para acadar a súa participación, estas dous residentes tiveron que superar 2 exames on line nos que amosaron os seus coñecementos en temas relacionados coa súa especialidade, así como as súas capacidades e habilidades na xestión e toma de decisións.

O Certame simulou ao programa de televisión americano “Jeopardy”, que é un concurso de coñecementos cun formato de preguntas e respostas, aínda que neste caso non se apostaban cartos, soamente se buscaba un gañador.

O feito de que os facultativos que realizan a súa formación especializada nos centros do Sergas sexan elixidos para participar nestes encontros científicos, pon de manifesto a competitividade e capacidade docente da Área viguesa, ao mesmo nivel dos grandes centros hospitalarios europeos. Segundo explica a doutora Sisinni “para nós foi un orgullo ter sido seleccionadas e darlle así visibilidade ao Álvaro Cunqueiro. Aínda que tivemos que estudar moito para deixar alto o listón, esta competición serviunos para compararnos con outros residentes  de grandes centros hospitalarios e constatar que a nosa formación especializada está ao máximo nivel europeo”.