A Xunta notifica o informe favorable de patrimonio cultural ao Campus do Mar na ETEA

Vista aérea da ETEA.

A administración autonómica agarda que oConcello de Vigo poña a disposición os terreos para investir 12,3 millóns na urbanización

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de trasladar á Universidade de Vigo e ao Concello o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ao proxecto de desenvolvemento do Campus do Mar no ámbito da antiga Escola de Transmisión e Electrónica da Armada (ETEA) no barrio vigués de Teis.

O departamento autonómico dá así o visto e prace ao documento denominado “Proxecto sectorial PS-3 área científico tecnolóxico 2 en desenvolvemento do Plan sectorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar nos terreos da ETEA”. Segundo recolle a resolución de Patrimonio Cultural, as actuacións propostas apóianse nun proxecto de rexeneración e posta en valor do espazo recuperando as edificacións existentes –Siemens e Faraday– que presentan valores arquitectónicos singulares para adaptalos aos novos usos previstos no plan.

O informe favorable autoriza o proxecto e indica varias condicións. Desta maneira apunta que con respecto ao grado de protección da edificación Siemens, a representación do ben catalogado non recolle a totalidade, polo que “deberá modificar a mesma, incorporando o conxunto completo do edificio”. Tamén apunta que deberá incorporarse ao documento os contornos de protección que non se recollen nas fichas do catálogo nin nos planos de ordenación.

Proxecto de urbanización do PS-1

Pola súa banda, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa aprobou en setembro de 2022 o proxecto construtivo correspondente á urbanización do PS-1 do ámbito da antiga ETEA, pero a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue á espera de que o Concello de Vigo poña a súa disposición os terreos para proceder coa licitación.

A Xunta de Galicia conta con partidas específicas, por un importe total de 12,3 millóns de euros, para desenvolver o sistema viario principal, desde a Avenida da Mariña ata a Praza de Armas. A actuación permitirá gañar un novo espazo para a cidadanía, desde o vieiro, o peirao e á explanada. Ademais, a urbanización supoñerá a dotación de servizos básicos ás diferentes parcelas da ETEA, desde abastecemento de auga, gas e enerxía eléctrica, ata as telecomunicacións. Tamén o saneamento e a rede contraincendios.

Solicitude formal ao Concello de Vigo

Por parte da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) xa se solicitou formalmente ao Concello de Vigo a posta a disposición dos terreos en xullo de 2021 e en setembro de 2022 sen que ata o momento houbese pronunciamento favorable a este investimento do Goberno galego nunha área de actuación total de 2 hectáreas (20.029 m²).

O proxecto contempla a recuperación da praza como un novo espazo público, cunha grada e unha varanda sobre o mar. Así, están previstos 6.150 m2 de adoquín, 5.260 m2 de formigón, 3.400 m2 de lousas de granito, 170 metros gradas de granito e 490 metros de varanda. Ademais, as zonas verdes e o carril bici terán 800 m2 de terrazo, 3.000 m2 de áreas verdes e 50 novas árbores, sen incluír as árbores xa existentes que se conservarán.