Mos reclama con urxencia ao Ministerio a reparación do Camiño do Río en Petelos

A alcaldesa Nidia Arévalo esixe solucións inmediatas ante o grave desprendemento que compromete a seguridade da veciñanza e denuncia o abandono do vial por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros Camilo Grandal, María Felisa Rodríguez, José Ramilo e Laura Méndez, reuniuse esta mañá cos veciños da parroquia de Petelos para reiterar a súa demanda ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible: a reparación urxente do Camiño do Río, afectado por un desprendemento que pon en risco a seguridade dos residentes.

Durante o encontro, a rexedora insistiu en que a responsabilidade da reparación recae exclusivamente sobre o Ministerio, e criticou con dureza a falta de resposta por parte da administración estatal. “É inaceptable que se leven anos desatendendo as súas obrigas coas vías nacionais que atravesan Mos”, declarou Arévalo. Ademais, explicou que a Confederación Hidrográfica confirmou recentemente que o camiño non é de titularidade municipal e que as augas que provocaron o desprendemento proceden da autovía A-55, o que reafirma a competencia do Ministerio.

Segundo denunciou a alcaldesa, os técnicos ministeriais tiñan prevista unha visita a Mos a pasada semana para inspeccionar a zona afectada, pero non se presentaron nin comunicaron a súa ausencia. Este novo episodio engade máis tensión á situación e alimenta a indignación veciñal.

A visita desta mañá tamén permitiu comprobar sobre o terreo o estado de abandono que sofre o camiño: ausencia de tarefas de mantemento e limpeza nas marxes que recollen a auga da autovía e outros tramos que tamén presentan risco de derrubamento pola acción do regato.

Mentres non se acometen os traballos necesarios, o Concello de Mos mantén o vial pechado para garantir a seguridade da veciñanza. “A veciñanza de Mos merece respecto”, sentenciou a alcaldesa, esixindo unha actuación inmediata por parte do Ministerio.