Marea de Vigo considera urxente dar garantías xurídicas aos proxectos urbanísticos estrela de Abel Caballero antes de facer anuncios

Rubén Pérez Correa, voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, valorou hoxe como moi preocupantes que dous dos proxectos urbanísticos «estrela» de Abel Caballero, «anunciados a bombo e prato e con horas en páxinas e medios», queden invalidados por sentenzas xudiciais como a Panificadora e a reforma da Praza da Igrexa no Casco Vello

Marea de Vigo considera que «os anuncios pomposos son fume» se non se garanten os desenvolvementos posteriores e a seguridade xurídica dos mesmos.

Rubén Pérez, voceiro do Grupo Municipal de Marea de Vigo lembra que «foi o noso grupo municipal o que preguntou reiteradas veces como era posible levar adiante o proxecto de rexeneración da Panificadora como un contedor 100×100 público cun convenio asinado no seu día polo alcalde nacionalista Lois Pérez Castrillo que lle daba aos propietarios privados no ano 1995 a posibilidade de construción de dúas torres de máis de 70 vivendas e posteriormente (e incorporado ao PXOM do 2008) un mínimo dun 50% e un máximo de un 90% de vivenda asinado nun novo convenio».

Para o voceiro do Grupo Municipal da Marea de Vigo, dende que se produciu a anulación do PXOM, hai «unha sucesión de improvisacións e configurouse un novo planeamento imbuído polo rescate de proxectos urbanísticos privados» asistindo a un intento de darlle saída a varios dos “apetecibles ámbitos” que os promotores urbanísticos «colaron» no anulado PXOM do 2008.

Marea de Vigo pide non despistarse na prioridade configuración dun planeamento moderno, que sexa adaptado aos criterios da nova lei do solo en canto a reservas de solo, previsións de vivenda e argumentación lóxica do reparto de cargas urbanísticas en vez de buscar «atallos para saltarse de novo os trámites ambientais e non abordar as modificacións substanciais que teñen que ser artelladas no planeamento».

Marea de Vigo insiste en que «non pode sosterse o urbanismo á carta que operou tantos anos na cidade, nin tentar desenvolver ámbitos como o da praza da igrexa sen contar coa veciñanza afectada, por moito que sexa un espazo degradado e sen que haxa un verdadeiro interese público no seu desenvolvemento».

Do mesmo xeito, e compartindo como positivo o proxecto de rexeneración da Panificadora, o limbo dos usos posibles que deixou a non ubicación da biblioteca pública do Estado neste ámbito obriga a sortear tanto o «interese especulativo» dos donos como a facer de xeito urxente unha definición en constante diálogo cos sectores implicados da cidade, dos usos dos espazos que se van a construír, toda vez que dos 7.000 m2 de superficie que deixa consignados o proxecto gañador do concurso de ideas do 2016, 4.000 estaban reservados para a Biblioteca Pública do Estado, que finalmente non vai ser ubicada neste ámbito.

Marea de Vigo aposta por un gran contedor cultural público e gratuíto na cidade para entidades veciñais, asociativas de todo tipo, culturais, etc. que veña a paliar a dependencia dos espazos da antiga obra social Caixanova, «hoxe en mans dun banco privado», e que permita ademais paliar «a desaparición paulatina de espazos públicos gratuítos onde realizar conferencias, exposicións ou iniciativas culturais e asociativas de todo tipo».