Yamaha Motor España volve confiar na Universidad de Vigo para formar persoal

Foto de familia dos participantes no curso.

Como novidade o programa formativo ampliouse este ano cun módulo sobre sistemas de xestión ambiental

Tras unha primeira experiencia máis que positiva, os responsables da firma Yamaha Motor España volven confiar no Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo para a formación do seu persoal, e fano coa celebración dunha segunda edición dun curso dirixido a dar a coñecer as ferramentas máis modernas de diagnose de avarías nos últimos modelos de motos acuáticas lanzadas ao mercado por esta marca. “Que a empresa volva a confiar en nós supón unha enorme satisfacción”, explica o investigador que coordina a actividade, Jacobo Porteiro, docente da Área de Máquinas e Motores Térmicos, quen fai fincapé en que “as sensacións coas que quedaron o ano pasado foron moi positivas, o que agora se confirma coa celebración desta nova edición, e coas conversas que xa estamos mantendo para ampliar a oferta de cursos a outros axentes de Yamaha”.

A actividade, que se celebra ao longo desta semana nos laboratorios do grupo da Escola de Enxeñaría Industrial, ten dúas edicións consecutivas e conta con 15 participantes en cada unha delas. Dirixido a que o persoal de Yamaha coñeza as ferramentas máis modernas de diagnóstico de avarías, o curso dura un día e medio e arranca cunha parte xeral sobre electricidade e electrónica na que se aproveita tamén para presentar as ferramentas coas que van a traballar para, a continuación, pasar á parte práctica de ditos conceptos no laboratorio, onde se conta cunha moto de auga, motores e diversos compoñentes do sistema eléctrico. “Como novidade este ano e, a petición de Yamaha, incorporamos tamén unha sesión para presentar os beneficios dos sistemas de xestión ambiental e os conceptos básicos da ISO 14000 como primeiro paso cara unha maior conciencia medioambiental”, recalca Porteiro.

A organización do  curso e a definición dos contidos faise entre o servizo de posventa de Yamaha e os responsables do grupo GTE. Da docencia encárganse os propios investigadores do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas, co apoio de Isaac Lucas, da sucursal en España de Yamaha Motor Europa, e Arturo Campos, da empresa Jet Vigo.