Xunta e UVigo asinan un acordo para a formación na área da Enxeñería Biomédica

Escola de Enxeñaría Industrial.

O convenio busca garantir o desenvolvemento da docencia e da formación universitaria que imparte a Escola de enxeñería industrial da institución académica, orientada á formación do alumnado en determinadas materias

O Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Vigo van asinar un acordo de colaboración para utilización das institucións sanitarias na docencia do grao universitario de Enxeñería Biomédica. O convenio supón un investimento de 244.732 euros para o Sergas.

O acordo trata de mellorar a colaboración entre ambos os organismos co obxectivo de garantir o desenvolvemento da docencia e da formación universitarias do grao de Enxeñaría Biomédica, que imparte a Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. Refírese concretamente á formación do alumnado nas materias de Estrutura e Patoloxía Médica, Estrutura e Patoloxía Médico-Cirúrxica, Enxeñaría Clínica e Hospitalaria, Fundamentos de Tecnoloxía Hospitalaria e Prácticas de Tecnoloxía Hospitalaria.

Esta colaboración estenderase tamén aos traballos de fin de grao que se realicen, total ou parcialmente, en colaboración co persoal da Área Sanitaria de Vigo ou nas súas instalacións.

A Universidade de Vigo destinará os fondos achegados polo Servizo Galego de Saúde para cubrir o 50 % dos gastos derivados da formación teórico-práctica necesaria, sufragando os custos derivados de varias prazas de profesor asociado en ciencias da saúde.

O importe dividirase en catro anos, con 57.278 euros para o ano 2021 e 62.485 para os anos seguintes. A sinatura deste convenio reflicte a importancia que cobra o ensino práctico para as disciplinas integradas no campo Enxeñaría Biomédica e a necesidade, polo tanto, de que se integre nas estruturas e servizos do sistema sanitario.

Por este motivo búscase garantir o nivel práctico na docencia, a mellor a preparación dos futuros profesionais e a busca da súa excelencia para o desenvolvemento das referidas ciencias, a favor do benestar social no campo da saúde.