Xornadas de portas abertas nas instalacións deportivas dos tres campus ata finais de mes

Ata o día 31 o acceso e as actividades dirixidas son de balde para toda a comunidade universitaria

Unha vez remate este período poderase adquirir o Abono Muver verán

Ata o 31 de maio todas aquelas persoas da comunidade universitaria que o desexen, poderán asistir de balde ás actividades dirixidas e ás salas cardio fitness, nos tres campus e sen límite de usos. Con esta iniciativa de portas abertas, a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo pretende que alumnado, PDI e PAS poida coñecer, de balde e sen compromiso, tanto as instalacións xestionadas pola UVigo como as actividades deportivas que se desenvolven nos tres campus e que forman parte do Abono Muver.

Trátase, explican dende o servizo, “non só de dar a coñecer o noso Abono Muver de verán, senón tamén de aproveitar o bo tempo e a época de exames para facer un pouco de exercicio, que é o mellor xeito  de levar a presión dos exames e de equilibrar corpo e mente”. Así, ata o 31 deste mes, calquera membro da comunidade universitaria poderá coñecer as instalacións e participar nas actividades dirixidas de balde como ioga, CORE, cross training, jiu jitsu e adestramento funcional no campus de Vigo; hiit, pilates, volei, baloncesto e bádminton en Pontevedra; e body pump, ciclo indoor, benestar Integral e ioga en Ourense. 

Despois dos 15 días…. Abono Muver

Aquelas persoas que queiran continuar emprendo estas instalacións ou participando nas actividades dirixidas despois das dúas semanas de balde poderán adquirir o Abono Muver verán, que dá acceso ás instalacións deportivas da Universidade de Vigo nos tres campus durante todo o seu horario de apertura: salas cardio-fitness, tenis de mesa e pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Ademais, tamén se pode participar de balde nas actividades dirixidas de fitness incluídas no abono e ter un seguimento técnico dos programas de adestramento. A maiores, as e os abonados mUVer que formen parte da comunidade universitaria benefícianse dun 20 % de desconto nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como son os programas Augaventura e Delecer.

O prezo do Abono Muver verán é de 15 euros para a comunidade universitaria UVigo, familia e Alumni UVigo; 22,50 euros para outras persoas e colectivos vencellados á UVigo e 30 euros para persoas alleas e comprende dende o 1 de xuño ata o 31 de agosto.