Xabier P. Igrexas: “PSOE e PP uníronse para tombar as 138 emendas do BNG aos orzamentos municipais de Vigo”

O portavoz municipal nacionalista defendeu no Pleno a ampla batería de medidas elaboradas con achegas e propostas do tecido asociativo e dos movementos sociais

Dende o Bloque consideran que esta votación evidencia quen representa a “verdadeira alternativa ao actual desgoberno”, cun PP aliñado “sen disimulo” con Abel Caballero

O Bloque Nacionalista Galego criticou que no Pleno do Concello de Vigo celebrado hoxe «PSOE e PP sumasen os seus votos para rexeitar as 138 emendas parciais formuladas pola fronte nacionalista ao proxecto de orzamentos municipais do vindeiro ano 2024».

“O PP pasou da preguiza de elaborar unha emenda á totalidade de devolución das contas, que non foron capaces nin de someter a votación no Pleno, a aliñarse sen disimulo co Goberno municipal votando xunto ao PSOE en contra das 138 emendas do BNG aos orzamentos de Caballero. Esta votación é moi clarificadora, porque evidencia quen representa a verdadeira alternativa ao actual desgoberno. Quedaron retratados”, reprochou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas defendeu a ampla batería de emendas parciais, que as nacionalistas elaboraron recollendo achegas e propostas do tecido asociativo e dos movementos sociais, como a “demostración en cifras de que si hai alternativa á inercia e políticas aparenciais do desgoberno de Abel Caballero”.

O portavoz municipal nacionalista definiu o proxecto orzamentario do PSOE como “máis do mesmo”. “Non son os orzamentos que necesita Vigo, son as contas do seu embigo”, afeou criticando a falla de diálogo e participación na súa elaboración. Igrexas tamén advertiu do “risco real” de que as novas contas se convertan “en novas páxinas da xa extensa Crónica dunha Inexecución Anunciada”, lembrando que o pasado ano 2022 ficaron sen executar 152 millóns de euros.

Desconexión coa realidade

Unha das principais críticas da fronte nacionalista ao proxecto orzamentario é que o mesmo evidencia “a total desconexión do Goberno local coa realidade material da cidade, coa realidade das viguesas e dos vigueses”. Así o demostra, segundo sinalaron, que se elaborasen de costas a un contexto socioeconómico marcado por un crecente empobrecemento, con 1 de cada 5 viguesas e vigueses en risco de exclusión social e pobreza; cunha situación moi preocupante no ámbito laboral, cando inda non se recuperou o nivel de ocupación previo á pandemia e con 7.100 postos de traballo menos dos existentes en 2009; e cun gravísimo problema de acceso social á vivenda.

Nese sentido, Igrexas lamentou o rexeitamento de medidas como duplicar as axudas sociais municipais recortadas nos últimos anos, poñer en marcha un Plan Municipal de axuda ao alugueiro, crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social ou triplicar os recursos do Plan Municipal de Emprego.

Dende o BNG afearon tamén que estas contas manteñan o “abandono permanente” dos barrios e parroquias máis alá do centro da cidade, e que insistan na “xordeira autoritaria” negándose novamente á proposta dun programa de Orzamentos Participativos. Na mesma liña, criticaron que o Goberno local continúe a destinar 2 de cada 3 euros das contas á privatización de servizos, en lugar de iniciar o rescate de concesións como o bus urbano ou o abastecemento de auga. Outro dos eixos emendados polo BNG buscaba incrementar os recursos dedicados á loita contra a violencia machista e para facer que o Concello de Vigo sexa “radicalmente feminista”.

Entre as 138 emendas formuladas polo Bloque, unha parte significativa demandaba reverter as políticas de “desertización cultural” dos últimos anos, así como poñer fin ao “brutal castigo” contra o deporte e contra a mocidade viguesa. Igrexas defendeu ademais propostas para avanzar cara unha cidade máis habitábel e moito máis verde,

Axudas para o comercio local

Dende a fronte nacionalista formularon tamén unha emenda a outro dos asuntos debatidos no Pleno extraordinario, relativo a unha modificación orzamentaria de 330.000 euros para o mercado do Progreso. Dende o BNG propuxeron destinar outra partida de medio millón de euros para a dinamización e promoción dos mercados municipais e axudas directas aos comerciantes. Unha medida que tamén contou coa negativa do grupo socialista e que mereceu o reproche do portavoz municipal do Bloque, quen lembrou que Vigo é a única cidade galega que non destinou nin un só euro ao pequeno e mediano comercio malia as crises derivadas da pandemia e da actual escalada inflacionista.