Vitrasa estrea buses máis eficientes

Os novos vehículos híbridos permiten aforrar unha media do 30% no consumo de combustible e reducen as emisión de CO2 ata un 39%

Entre hoxe mércores e o venres 3 de marzo comezan a entrar en funcionamento os novos buses de Vitrasa que a empresa, xunto co Concello de Vigo, presentou recentemente. As liñas C1 e L4 son as primeiras en incorporar estes vehículos dotados das últimas innovacións tecnolóxicas. De forma progresiva, nas próximas semanas máis liñas irán sumando estes novos autobuses aos seus recorridos.

Os novos autobuses híbridos permiten aforrar unha media do 30% no consumo de combustible en comparación cun bus diésel. Así mesmo, as emisión de CO2 redúcense ata un 39% e o NOx e as partículas emitidas polos sistemas de escape, principais causantes do smog fotoquímico, redúcense ata un 50% nestes novos vehículos. A estrutura da carrocería e o teito están fabricados en aluminio, reciclable nun 90%, que, ao reducir o peso do vehículo, fai máis eficiente o consumo de combustible e reduce as emisións.

Unha das características dos novos autobuses híbridos é a condución eléctrica ampliada coa que, baseándose en datos en tempo real como transitar por unha zona de baixas emisións, a climatoloxía ou a topografía da ruta, o vehículo cambia automaticamente ao modo eléctrico. Estes autobuses poden recuperar continuamente enerxía e cargan a batería durante as freadas ou costa abaixo.

Outra das melloras que aporta a nova flota é a redución da contaminación acústica, as prestacións impulsadas mediante electricidade contribúen a unha experiencia máis silenciosa e cómoda tanto para os viaxeiros como para os residentes das zonas polas que o bus faga recorrido.

Os novos vehículos incorporan melloras en materia de seguridade viaria a través dun sistema de prevención de colisións co que os condutores e condutoras reciben unha advertencia en caso de risco de colisión con usuarios da vía que pasen por diante do autobús. Ademais, contan con cámaras de visión externa que dar visibilidade á persoa condutora dos puntos cegos no exterior do bus. Vitrasa conta coa certificación no Sistema de Xestión da Seguridade Viaria  ISO 39001 que axuda a reducir e eliminar as incidencias e riscos derivados de accidentes de tráfico, así como a EA 0050 Certificación de Sistemas de Xestión de Condución Eficiente que proporciona unha guía de referencia dos parámetros e métricas representativos dunha condución eficiente.