Vitrasa denuncia os ataques recibidos contra dous dos seus autobuses

Vitrasa alerta da «gravidade» dos recentes ataques producidos, os últimos esta mesma mañá contra dous autobuses da compañía.

O primeiro tivo lugar ás 6:03 horas cando o autobús que estaba incorporándose á liña 11 foi «brutalmente atacado», á altura de Roteas. En total rompéronse dous lunas e unha cristaleira dunha porta de acceso a través de fortes impactos con pedras.

O segundo autobús foi atacado na rotonda entre a Avenida de Citroën e a VG-20, cando se incorporaba ao servizo da liña C3 ás 6:50 horas da maña. Este vehículo recibiu dous fortes impactos con pedras nas lunas centrais. Tal e como sinalan desde Vitrasa, «estes golpes puxeron en grave perigo ao persoal de condución que nese momento realizaba o servizo». Afortunadamente, non houbo feridos. 

Desde a compañía sinalan que lamentan as molestias ocasionadas aos usuarios e apelan directamente ao Comité de Empresa para que «poña fin de maneira inmediata a este conflito desproporcionado».