Vitrasa denuncia novos ataques violentos e picadas de rodas aos autobuses

O xoves 30, tras os ataques violentos ocorridos á primeira hora da mañá na liña 6 e na 17, tiveron lugar tres novos ataques a última hora da tarde

Os feitos producíronse nun autobús que facía o recorrido da liña A ás 21:39h ao seu paso pola rúa do Falcoido recibiu un impacto cunha bola de metal provocando a rotura dunha das lunas do vehículo que levaba a bordo dous viaxeiros.

Minutos máis tarde, ás 21:42h o autobús que realizaba o servizo da liña 18 recibiu un impacto na luna dianteira (o parabrisas do autobús) no seu paso pola parroquia de Sárdoma. O impacto foi moi próximo ao asento dunha pasaxeira que estaba neses momentos a bordo do bus e, afortunadamente, o proxectil non traspasou o parabrisas e non houbo que lamentar danos persoais.

Ás 22:17h o vehículo que facía o percorrido da liña 15C á altura do Meixoeiro, levando dous viaxeiros a bordo, tamén recibiu un impacto na luna provocando a súa rotura.

Xa o venres 31, primeiro día da folga convocada polo Comité de Empresa, o autobús que facía o servizo da liña 10 que se encontraba na cabeceira da ruta en Teis ás 5:34h, sufriu o ataque de dous encapuchados que lanzaron obxectos contra o parabrisas obrigando ao condutor, que neses momentos estaba a piques de iniciar a ruta, a cubrirse para evitar que os proxectís impactasen contra el.

Ás 6:01h, o vehículo que ía comezar a ruta da liña 9B á altura de cabeceira na zona da Rabadeira varias persoas encapuchadas saíron á estrada obrigando a parar o autobús de forma inmediata para, a continuación, lanzar proxectís contra a luna dianteira. Nesta ocasión, no autobús non viaxaban usuarios. Este ataque, xunto ao sufrido na liña 18 o dia anterior, provocou que quedasen inoperativos os dous autobuses micro, vehículos de dimensións adaptadas (de lonxitude e ancho máis reducidos ca os autobuses habituais) específicos para realizar o percorrido da liña 18, e como consecuencia ata o próximo luns 3 de abril non se poderá retomar o servizo nesta liña.

Pola noite, ás 22.00 horas, un autobús que daba servizo á liña 25 sufriu un ataque na luna frontal.

Así mesmo, rexistráronse 5 picadas de rodas nas liñas C3, 5A e 12A.

Vitrasa denuncia este tipo atentados á seguridade viaria e que poñen en perigo ao persoal que cobre os servizos mínimos, aos viaxeiros e viaxeiras así como a calquera cidadá que realice os seus desprazamentos. O transporte público trátase dun servizo esencial que debe proverse á cidadanía a pesar da situación de folga e é imprescindible facelo nun entorno de seguridade.