Vitrasa denuncia novos ataques violentos aos autobuses

Vitrasa denuncia dous novos ataques violentos aos autobuses acontecidos esta mañá e que veñen a sumarse aos producidos a finais do mes de marzo e abril onde se viron afectados varios vehículos da compañía.

O primeiro ataque tivo lugar hoxe ás 5:50h na estrada de Valadares. O bus facía a ruta da liña 7 cando unha pedra impactou no bus rompendo a fiestra lateral. A pesar de que o autobús xa estaba realizando servizo, ese intre non había pasaxeiros a bordo.

O segundo ataque tivo lugar pouco tempo despois, ás 6:23h, na rúa Mestres Goldar (Castrelos). O vehículo facía a ruta da liña 27 cando outro obxecto lanzado desde o exterior impactou nunha fiestra lateral que quedou estalada. O proxectil que lanzaron non logrou atravesar a fiestra. No autobús viaxaban varios usuarios que non resultaron feridos.

A policía desprazouse a primeira hora ata a central de Vitrasa para analizar os ataques e xa está a investigar os feitos.

Vitrasa denuncia este tipo de actos vandálicos que atentan contra á seguridade viaria e poñen en perigo aos usuarios e usuarias do transporte público de Vigo así como ao persoal de condución.  

Vitrasa aberta a unha negociación cordial

Por outra banda, onte tras a reunión mantida entre Vitrasa e o Comité de Empresa, este último decidiu seguir adiante coa folga total convocada para os días 15, 16, 18, 19, 22, 23, 24, 25 e 26 de maio.

Tras 6 meses de paros continuados, dende a compañía sinalan que «segue realizando diariamente grandes esforzos para ofrecer un servizo de transporte de calidade e dar resposta ás necesidades de mobilidade da cidadanía de Vigo. Esta nova convocatoria afasta á compañía de reverter a complexa situación económica e de alcanzar a recuperación de viaxeiros/as, que aínda non chega ás cifras rexistradas antes da Covid-19».

«Dende Vitrasa, apelamos a que a negociación se leve a cabo dende unha posición de cordialidade que favoreza a consecución dun acordo entre ambas partes. E queremos reiterar as desculpas a todos os nosos usuarios e usuarias por os trastornos que poida provocar esta situación e trasladar a nosa vontade negociadora a través do diálogo para intentar evitar estes novos paros».