Con motivo do Día Mundial Contra o Cancro (4 de febreiro), un autobús da liña C3 e outro da liña 11 contarán cun viniliado especial
Ademais, todas as liñas de autobús urbano emitirán un vídeo nas pantallas interiores con información da campaña
Vitrasa, empresa concesionaria do transporte público de Vigo, colabora coa Asociación Española Contra o Cancro en Vigo na difusión da campaña nacional que pon o foco este ano nas desigualdades fronte a enfermidade. Baixo o lema “o cancro é igual para todas as persoas, pero non todas son iguais fronte ó cancro”, a asociación quere mostrar todas as desigualdades que existen fronte esta enfermidade segundo onde vivas, a situación económica de cada quen ou o xénero.
En concreto, Vitrasa colabora en materia de difusión da campaña nos seus autobuses. Desde hoxe, 4 de febreiro –Día Mundial Contra o Cancro– un autobús da liña C3 e outro da liña 11 contarán cun vinilo especial que fai mención a campaña. Ademais, tamén se emitirá desde hoxe un spot nas pantallas de todos os buses co obxectivo de concienciar á sociedade sobre esta enfermidade. Paralelamente, os autobuses urbanos de Vigo levarán durante hoxe un rótulo exterior informando da campaña.
Colaboración entre Vitrasa e a Asociación Española contra o Cancro en Vigo
Vitrasa e a Asociación levan anos colaborando na concienciación sobre o cancro na cidade. A última ocasión foi no mes de outubro, na campaña “#SacaPeito polas máis vulnerables”, coa emisión dun vídeo que poñía o foco este ano nas mulleres que sofren este tipo de enfermidade e vólvense máis vulnerables economicamente debido a ela. Desde a Asociación, combaten estas desigualdades cos seus servizos de balde para pacientes e familiares: atención psicolóxica, atención social, logopedia, atención psicosocial a pacientes avanzados e ás súas familias, voluntariado e talleres.
Ademais, animan a toda a poboación a firmar o seu acordo contra o cancro na web: www.acuerdocontraelcancer.com. Durante o ano 2021 realizaron un total 6.345 intervencións a pacientes e familiares na cidade de Vigo.

