VigoZoo perde outro animal: a pantera ‘Kabul’

O Concello informa que logo do agravamento do seu estado de saúde decidiuse a aplicación da eutanasia

VigoZoo lamenta o falecemento este venres da pantera “Kabul” logo do agravamento do seu estado de saúde, que motivou a aplicación da eutanasia, seguindo o criterio do veterinario.  

Kabul era un dos animais máis lonxevos do parque, chegou o 19 de maio de 2006, procedente dun decomiso de especies ameazadas realizado en Andalucía. A emblemática pantera (tamén chamada leopardo melánico) tiña 21 anos e padecía unha enfermidade dexenerativa que a ía imposibilitando cada vez máis. O seu estado empeorou nesta última etapa dado que a anorexia que padecía impedíalle tomar o tratamento prescrito para aliviar os síntomas da enfermidade. As últimas analíticas que se lle practicaron amosaban tamén signos de fallo renal que agravaron máis o seu deterioro.  

Ante esta situación, en atención ao punto 5 do artigo 15 da Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar de animais de compañía en Galicia, o veterinario de VigoZoo decidiu aplicarlle a citada eutanasia. A finalidade foi preservar o benestar do animal e evitarlle un sufrimento grave e irremediable.